Os videoxogos 'falan' galego: Nace en Pontevedra a revista dixital Morcego
Por Alejandro Espiño
Os amantes dos videoxogos teñen, a partir de agora, unha nova web de referencia: a revista dixital Morcego. Trátase dun proxecto impulsado polo pontevedrés Carlos Pereiro que, ademais, será a primeira do sector que aposta polo galego como bandeira.
Na súa presentación, o seu creador explicou que esta revista naceu hai uns meses. "Buscaba facer algo novo e era unha mágoa que non houbera nada en galego", asegura.
Morcego ofrecerá reportaxes propias, noticias de actualidade, análises de videoxogos ou entrevistas, un xénero este último que as publicacións especializadas non adoitan abordar "e que eu quero recuperar". Todo iso, engadiu, achegando unha visión máis xornalística.
Carlos Pereiro adiantou que esta revista dixital dedicará un apartado especial para a xente que está a traballar no ámbito dos videoxogos en Galicia porque "se están a facer cousas moi interesantes".
O director da revista quixo tamén defender que o mundo dos videoxogos " non é só cousa de nenos" e sinalou que hai xente maior que reclama este produto cultural que, segundo dixo, máis movemento económico que o cinema.
O concelleiro de Novas tecnoloxías, Alberto Oubiña, destacou que é un "luxazo" que este proxecto nacese en Pontevedra, da man dunha persoa que forma parte do "núcleo vivo" da cidade, debido á súa notable implicación coa cultura pontevedresa.
Esta revista dixital conta ademais co apoio da Mesa Pola Normalización Lingüística. Sara Seco, en representación deste colectivo, celebrou que o galego se abra camiño nun ámbito no que, ata agora, era "moi minoritario" e que esta publicación "achegue o galego" aos novos medios.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Carlos Pereiro. Un xornalista, músico e 'gamer' que oposita para ser profesor
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
A mocidade, centro da IV Xornada de Normalización Lingüística
Por Redacción |
-
RADIO.- 'A gruta de Gizamaluke' adiántache os xogos que chegarán este decembro
Por Redacción |
-
RADIO.- A gruta de Gizamaluke estréase coa saída de Red Dead Redemption 2
Por Redacción |
-
PontevedraViva Radio colabora con Morcego para a emisión do primeiro podcast en galego sobre videoxogos
Por Redacción |