As Festas das Dores, toda unha homenaxe á música local con 'Son de Ponte Caldelas'
Por Redacción
As Festas das Dores de Ponte Caldelas incluirán este luns o festival 'Son de Ponte Caldelas', que arranca ás 21.00 horas e será toda unha homenaxe á terra. No evento participan a práctica totalidade das agrupacións musicais locais.
Os participantes neste ano son os grupos Pandereteiras do Olivar, Os Contentos, Son de Chaín, Os Xeitosos, Airiños da Fracha e Pandereteiras do Regodobargo, baixo a coordinación artística e musical dos Coribantes de Buchabade.
O festival permitirá ver uns 70 músicos no escenario da Alameda en quendas duns 20 minutos nas que se mesturarán estilos e repertorios.
'Son de Ponte Caldelas' naceu hai 7 anos e dende hai dous ocupa un lugar central na programación musical da vila. O certame serve tamén para simbolizar a unión de todos os veciños dos pobos de Ponte Caldelas cos que residen na vila.