De Vacas, Sés, The Limboos e Triángulo de Amor Bizarro, no cartel Festival do Leite
Por Oskar Viéitez
De Vacas, Sés, The Limboos, Triángulo de Amor Bizarro, Bifannah, Disco Las Palmeras, The Soul Jacket, La Casa de los ingleses, Cora V, Gold & Colt e Carlangas DJ compoñen o cartel do Festival do leite que se celebrará na illa das Esculturas de Pontevedra o vindeiro sábado 15 de setembro.
Estaban equivocados os que crían que as citas festivas en Pontevedra terminaban coa Feira Franca. Como diría Super Ratón, "no se vayan todavía aún hay más", queda o Festival do Leite un evento musical que naceu hai un par de anos con carácter itinerante e que desenvolverá a súa edición 2018 nas beiras do Lérez.
A cita foi presentada este venres no Concello de Pontevedra coa presenza da concelleira de festas, Carme da Silva, o coordinador de Leite Noso, a sociedade que comercializa a marca Deleite, Pedro González, o produtor do Festival, Manuel Tarrío e o humorista gráfico, Luís Davila "O Bichero" que destacaron o carácter familiar deste encontro "algo que encaixa perfectamente coa filosofía deste concello".
O evento, que será un ano máis de acceso libre, contempla concertos que se desenvolverán ao longo de toda a xornada, desde o mediodía e ata a madrugada "ou cando o concello nos bote de alí", bromeou Pedro González.
Durante o día, haberá tamén espazos reservados para actividades infantís coas actuacións da Gramola Gominola e María Fumaça así como zona gastronómica e "Food Tracks" para quen queira pasar no Festival toda a xornada.
Pedro González sinalou que, do mesmo xeito que nas anteriores edicións, o Festival contará exclusivamente con bandas e artistas galegos, afincados ou relacionados con Galicia.
O Festival do Leite é unha iniciativa privada que naceu da man da marca Deleite Galego, propiedade de gandeiros galegos. Segundo comentou Pedro González búscase poñer en valor a importancia do sector lácteo para Galicia e á vez, apoiar á música da terra.
Relacionadas:
-
Música e diversión danse a man na Illa das Esculturas cun exitoso Festival do Leite
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Fai un sol de carallo e un Festival do Leite!
Por Marisa Ciordia |
-
Así vai ser o Festival do Leite na Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
Artistas "referentes" en Galicia protagonizarán en setembro un festival musical en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |