Treixadura fai vibrar ao público de Ponte Caldelas na presentación do seu novo disco
Por Redacción
Ponte Caldelas volveu ferver este domingo de ambiente festivo coa agardada actuación do grupo Treixadura, que ofreceu un completo repaso ao seu amplo repertorio de música galega, incluíndo a totalidade dos temas do seu último disco ao vivo "Inda canto!".
A actuación deu comezo ás 22.30 horas, cun pequeno atraso para agardar aos caldeláns participantes na excursión do programa de dinamización social "Caldelas Viaxa", e o resultado foi unha gran afluencia de público na Alameda. O concerto prolongouse máis alá da medianoite.
Os compoñentes do grupo de música tradicional e o seu orfeón de voces masculinas manifestaron a súa satisfacción por ter podido actuar, por fin, en Ponte Caldelas, e expresaron o seu agradecemento ao Goberno municipal así como á Deputación de Pontevedra, que cofinancia a actuación a través do programa Musigal.
A actuación de Treixadura abre a programación musical das Festas de Verán caldeláns. E cobra máximo protagonismo durante as Festas das Dores, que inclúen o festival electrolatino Caldelas Xoven (DKB, Traffic House, Intro Elite, Adrian Mesu e Manu GZ) e as verbenas, que este ano inclúen ás orquestras París de Noia (domingo, 25) e Combo Dominicano (martes, 28). Entre medias, a música tamén será protagonista o sábado, 25, co Festival Folclórico que organiza o grupo Os Coribantes, e a verbena posterior con La Oca Band.