Teatro galego para todos os gustos en Ponte Caldelas
Por Redacción
As Festas das Dores de Ponte Caldelas contarán cunha variada programación teatral tanto no centro da vila como en diferentes parroquias. A través da Axencia Galega dás Industrias Culturais (Agadic), as compañias Redrum Teatro e Malasombra representarán dúas montaxes.
Redrum ofrecerá o próximo 17 de agosto, a comedia 'Estás aí?', cunha repartición no que figuran os actores Isabel Risco, humorista habitual no programa 'Land Rober', e Xúlio Abonjo, coñecido popularmente pola súa interpretación dun dos fillos do narcotraficante Manuel Charlín en 'Fariña'. A función será no colexio Cordo Boullosa e o argumento céntrase nas aventuras que corre unha parella que se muda a unha nova vivenda.
Malasombra ofrecerá 'Os fabulosos cleanners', unha obra familiar, creada polo alacantino Luís Beviá. Céntrase na historia de dous operarios da limpeza que comezan a crear situacións coas ferramentas de traballo. Será o día 18 no mesmo escenario.
En canto a teatro afeccionado, a agrupación teatral de Soutomaior, Fonte da Tella, representará a montaxe 'A Fermosa Dorotea' en Tourón este venres e o día 31 no Cordo Boullosa. En septiembro, a obra será representada en Forzáns.
Pola súa banda, a Asociación de Mulleres Rurais de Ponte Caldelas mostrará a divertida obra ' Toc- Toc', un espectáculo que conta cunha versión cinematográfica e que se desenvolve na sala de visitas dunha consulta psiquiátrica. A actuación será tamén no colexio Cordo Boullosa o 21 de agosto.
Por último, dentro do programa de festas de Ponte Caldelas denominado 'Códice Caldelino' tamén se inclúe teatro musical, con Aires do Norte e Olé na Alameda, ademais de funcións dirixidas aos menores, como 'O Cego dos Monifates. Romance de cans', de Viravolta Monicreques, e 'A cabeza do dragón', da compañía Cachirulo.