Os Cantos de Taberna esténdense a Ponte Caldelas
Por Redacción
As noites dos dous próximos venres serán días de Cantos de Taberna. O goberno municipal impulsa a recuperación desta tradición galega e lévaa aos locais de hostalería que participaron no último concurso gastronómico Caldelas Tapas.
Así, os días 3 e 10 de agosto, as sesións comezarán ás 21 horas e prolongaranse ata despois da media noite. Estarán protagonizadas polos grupos locais Os Coribantes de Buchabade, Os Xeitosos da Insua, Airiños da Fracha e os Contentos, xunto cos pontevedreses Son de Ondas.
Fieis á tradición, estes grupos interpretarán pezas populares con pouca instrumentación e poñendo todo o acento na interpretación vocal, coa que tentarán de involucrar ao público.
O goberno local fai así un novo esforzo de cara á dinamización sociocultural do municipio, no que a hostalería é unha peza moi importante, como demostran as numerosas actividades que se organizan conxuntamente con este sector.
Os Cantos de Taberna son un exemplo da mellor tradición musical caldelá pois adoitan mesturar música galega con ritmos e pezas chegados da emigración, especialmente de Sudamérica.