A exposición "Oficios entre lusco e fusco. Fotografías de Xosé Abad" chega a Sanxenxo
Por Redacción
"Oficios entre lusco e fusco" chega agora a Sanxenxo. Esta exposición, organizada por Afundación en colaboración co Museo do Pobo Galego, lévanos ao mundo dos oficios tradicionais galegos a piques de desaparecer. O fotógrafo Xosé Abad presenta imaxes a través das que mostra a súa perspectiva sobre a desaparición destes modos de vida.
A exposición atópase na Sede Nauta do Concello de Sanxenxo desde o 30 de xullo ata o 18 de agosto.
As fotografías que a forman, mostran oficios tradicionais que están a piques de desaparecer e teñen como obxectivo facer reflexionar sobre a desaparición de moitas destas profesións debido á mecanización do traballo e a produción en masa no ámbito da sociedade de consumo, ensinando como a calidade da produción, a experiencia como garantía ou a consideración cara aos profesionais son valores que están en claro retroceso.
De entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o próximo 18 de agosto de luns a domingo en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. Ademais, realizaranse visitas comentadas os martes e xoves ás 20.00 horas.
Xosé Abad, nacido en Figueres (1956), iniciou a súa carreira profesional como fotoperiodista en diversos medios de comunicación na década dos oitenta. A súa obra expúxose en diversas localidades galegas e en diferentes museos e institucións estatais e internacionais, recibindo diferentes premios polo seu traballo e traxectoria. Así mesmo, o artista colaborou en proxectos de diferentes ONG galegas e latinoamericanas.
Como fotógrafo foi galardoado no I Certame de Creación Fotográfica Luís Ksado ou co Premio Pardela de Comunicación á traxectoria profesional, entregado polo Club de Amigos da UNESCO.
Na súa actividade cinematográfica dirixiu varios documentais premiados en diferentes certames, sendo os máis actuais Isaac, O segredo da Frouxeira e A pegada dos avós.