A canteira de Paredes será escenario dun novo festival musical, o Canteira Fest
Por Redacción
Vilaboa contará desde o próximo mes de setembro cunha nova proposta musical orientada fundamentalmente ao público novo.
Trátase do Canteira Fest, un festival musical que se celebrará o sábado 22 de setembro na canteira de Paredes.
De Vacas, The Tetas Van, SonDaRúa, The Lelli Kellys e Sheila Patricia compoñen o cartaz da primeira edición do Canteira Fest, que tamén contará cunha actuación musical do grupo Migallas e con actividades para todos os públicos, con festa da escuma, talleres ou coloquios sobre a muller na cultura.
O concelleiro de cultura de Vilaboa, Carlos Acuña, encabezou a presentación do evento xunto á cantautora local Sheila Patricia e a directora do documental 'Cinzas', Clara Bells.
No acto tamén falaron sobre o ciclo de concertos 'Domingos con encanto' que terá lugar todos os domingos de agosto e os dous primeiros de setembro en diferentes localizacións.
O Canteira Fest contará ademais cun Punto Violeta contra as agresións sexistas, segundo explicou Clara Bells marcando o carácter feminista e LGTBI do festival como a súa razón de ser.