Estrea universal en Pontevedra dun novo xénero: Son de contos
Por Anxo Lourido
Literatura e música encontraron o seu escenario de fusión. O Teatro Principal de Pontevedra acolleu a estrea universal, tal e como o presentou o escritor Manuel Lourenzo, de Son de Contos, un proxecto que engloba pequenas pezas de carácter operístico con tramos narrados e momentos musicais cantados polo coro Obradoiro vocal A Vila xunto a un amplo grupo de solistas entre os que destacaba a pontevedresa Sonia Abollo.
Coa presenza de numeroso público nas butacas do Teatro, un dos escritores que colaborou con este proxecto, Manuel Lourenzo González, exerceu de mestre de cerimonias e explicou como a partir de tres relatos, obra de tres autores galegos contemporáneos como son Xoán Babarro en colaboración con Ana Fernández, Fina Casalderrey e o propio Manuel Lourenzo, outros tres compositores do ámbito da música culta elaboraron partituras para poñer en marcha unha obra complexa baseada na voz e no piano interpretado por Alejo Amoedo.
UN PROXECTO DE VICENTE COUCEIRO
O escritor culminou a súa intervención citando ao auténtico propulsor deste proxecto, o pontevedrés Vicente P. Couceiro. Un afeccionado experto na música culta que leva anos pelexando porque esta proposta chegase a bo porto.
E así comezou a sesión con Os xigantes de nunca acabar, para continuar con Un cesto cheo de misterios e finalizar con A galiña, o lagarto e o burro. Tres historias brillantes que, quizais no futuro, conten cunha representación teatral musicalizada como soña Couceiro. As bases, polo menos, xa foron instaladas nesta estrea en Pontevedra.