O Museo de Pontevedra amosa os dous lados do Atlántico a través da mirada de José Solla
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo acollerá, a partir do xoves 26 de xullo, a mostra Coplas de Cego. Trátase dunha retrospectiva que percorre toda a traxectoria artística do pintor José Solla entre os anos 1965 e 2015 a través de 110 pezas. Poderá visitarse ata o 23 de setembro.
A exposición compila pintura, debuxo e colaxe e ofrece unha oportunidade única para facer un percorrido polas diferentes etapas deste pintor nacido en Marín e que na actualidade vive entre Bueu e Mar de Plata.
A mostra foi presentada este martes polo propio artista, polo comisario Ramón Rozas, polo director do Museo, Carlos Valle, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
Este evento é, segundo Leal, xunto coa mostra dedicada a Alejandro de la Sota, "as dúas exposición máis relevantes este ano no Museo".
Ramón Rozas explicou na presentación que, a pesares de ter xa amplos coñecementos da obra de Solla, a gran cantidade de pezas coas que se atopou no estudo lle obrigou a realizar un coidado traballo de selección.
Así, a mostra divídese en dúas grandes etapas. A primeira sería na que, en palabras de Rozas "traballa a partir dun mesmo océano desde as dúas orelas". O comisario referíase así ás obras que representan os portos de mar, de ambas beiras do Atlántico, as embarcacións e, sobre todo, aos traballadores do mar e o seu mundo.
A segunda gran etapa sería a que compila as pezas nas que José Solla xoga coa simboloxía da arte románica. Rozas situou o inicio desta etapa no ano 1978, cando o artista comeza o estudo desta simboloxía a partires dunha bolsa dun organismo de cooperación iberoamericano.
Á marxe destas dúas etapas, a mostra tamén inclúe obras dos inicios da traxectoria de Solla nas que aínda o artista se está aproximando ao oficio de pintor e afinando a pincelada, así como pezas realizadas en materiais diferentes ao lenzo.
Ademais das 109 obras que se expoñen nas tres salas de exposicións temporais do Sexto Edificio, tamén se incluirá un mural na cristaleira da planta baixa do edificio, na que se poderán ver os debuxos orixinais que serviron de base á gran escultura ‘Inés-Palmira’ da praza Massó de Bueu.
A mostra tamén inclúe un traballo audiovisual da fotógrafa e realizadora Alba Sotelo que "máis que un documental é unha achega á personalidade de Solla e á súa relación coa pintura e coa contorna", explicou Ramón Rozas.
José Solla definiuse a si mesmo como "un pintor vello que convivo coa xente moza, e ademais teño ganas de seguir facéndoo". Asegurou en repetidas ocasións estar "moi contento coa exposición" e moi agradecido co traballo do comisario e co equipo do Museo.
O pintor explicou tamén que o título da mostra, Coplas de Cego, é unha homenaxe "ao que Pontevedra tiña de lindo para min na infancia". Contou que cando se achegaba camiñando á feira a Pontevedra desde a súa aldea da man de súa avoa, unha das cousas que máis lle chamaba atención era un cego que actuaba como unha sorte de trobador e que vendía as coplas que recitaba.
"Eu sempre quería mercarllas pero a avoa non me deixaba", lembraba o artista, quen engadiu que para un meniño de aldea "Pontevedra era a gran cidade e despois de Pontevedra xa non había nada, aquí acabábase o mundo".
Relacionadas:
-
Lembranza ao pintor José Solla, falecido en setembro en Mar de Plata
Por Redacción |
-
José Solla, o "grande embaixador" da provincia por todo o mundo
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo de Pontevedra supera as 100.000 visitas antes do remate do mes de agosto
Por Redacción |
-
"Coa recepción do 'Álbum Nós' complétase o ciclo Castelao non só no Museo de Pontevedra, senón en termos absolutos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Museo acolle a exposición das obras gañadoras de Novos Valores 2017
Por Redacción |
-
Madrid, Valencia e Barcelona acollerán unha exposición co patrimonio arqueolóxico de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A gran exposición antolóxica sobre Alejandro de la Sota amosa material inédito sobre a súa etapa pontevedresa
Por Mónica Patxot & Redacción |