O home lobo aúlla á lúa da Ferrería a ritmo de blues
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
Walter "Wolfman" Washington & The Roadmasters foron os protagonistas da edición deste venres do Festival de Jazz.
"Wolfman", o home lobo, nacido o 21 de decembro de 1943, é un cantante e guitarrista estadounidense, que naceu e vive en Nova Orleáns, onde é considerado unha das súas principais figuras musicais. As súas raíces beben do blues, pero compleméntanse con outros estilos como o funk e o rhythm and blues, para crear un son propio e único, perfectamente recoñecible.
Washington personifica os dous extremos da tradición vocal afroamericana: os gritos salvaxes e apaixonados de James Brown e as liñas melodiosas e urbanas de Nat King Cole, nunha moi persoal mestura que non deixou a ninguén indiferente.
Hai nas súas interpretacións suavidade, pero tamén crueza, e o resultado é sutil, de bo gusto e potente. A súa guitarra ten un ton candente, pero tamén se perciben con claridade os acordes dun intérprete de bebop, con matices máis propios da improvisación jazzística.
A guitarra e a voz de "Wolfman" estiveron acompañados no escenario da Praza da Ferrería polo batería, Terry Scott Jr.; o baixo de Jack Cruz; o saxo de Tom Fitzpatricke os teclados de Steve Detroy.