Catro grupos participarán na mostra de música e baile dos Trazantes de Tenorio
Por Redacción
Aires de Aliste (Zamora), Amigos de Longos-Vales (Monçao), A Brincadeira de Carbia (Vila de Cruces) e a formación anfitrioa, os Trazantes de Tenorio. Son os catro grupos participantes na novena edición da Mostra de Música e Baile Tradicional, que terá lugar no adro da festa de Tenorio este sábado 21 de xullo, a partir das 19.00 horas.
Este importante certame, dos máis prestixiosos da provincia, foi presentado este xoves no consistorio de Carballedo polo presidente municipal en funcións, Fernando Vázquez, e membros da agrupación.
A mostra, que ten entrada gratuíta, non só incluirá actuacións de música e baile tradicional, xa que nesta ocasión haberá unha ampla exposición de fotografías sobre a traxectoria cultural, as orixes e a historia de Os Trazantes de Tenorio.
Ademais, tamén está previsto que o adro da festa de Tenorio conte con servizo de bar para os asistentes e que, ao remate, se sirvan pinchos variados.
En principio, as previsións meteorolóxicas para a xornada sabatina son boas, pero se se torceran os organizadores xa teñen previsto trasladar a mostra ao IES de Cotobade.
Durante a presentación, Fernando Vázquez se interesou polos detalles de loxística e a colaboración prestada polo Concello e, tras desexarlle sorte aos organizadores e garantir a súa asistencia o sábado en Tenorio, indicoulles que, se xorde calquera necesidade nestes días, non dubiden en comunicarlla para incrementar a colaboración municipal.