O Aquí Cántase regresa ás Festas de Verán baixo a dirección de Anxo Xesteira
Por Redacción
As prazas de Pontevedra volverán vibrar coas cancións máis populares da música tradicional galega. Será cunha nova edición de Aquí Cántase, organizado pola Asociación Cultural Maravallada, que se celebrará o próximo venres 10 de agosto.
Despois do éxito acadado o pasado ano coa colaboración de numerosas asociacións e particulares, a organización márcase o reto de facer que este evento se consolide na cidade de Pontevedra, conseguindo un novo fito de participación.
Para esta ocasión, o coro popular estará dirixido por Anxo Xesteira, estudante do Grao Profesional de Música no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra e compoñente entre outras agrupacións de Treixadura e Os Xeitosiños de Cambados.
Os participantes reuniranse ás nove da noite na Praza da Ferrería onde farase entrega das letras co fin de que todo o que queira poida cantar. O percorrido continuará, a partir das 21.45 horas, pola praza de Curros Enríquez, a entrada do Teatro Principal e a praza da Leña.
O percorrido entre praza e praza será guiado polo grupo tradicional Treboada do Baixo Miño.
Aquí Cántase é unha actividade de promoción do canto tradicional no que participa un numeroso grupos de persoas.
O seu obxectivo é promover o canto tradicional, especialmente o que se realiza en conxunto e no exterior, recuperando o costume de cantar en grupo. Ademais, tratan de promocionar o comercio e hostalería da zona monumental de Pontevedra, fomentar a creación de grupos de música e canto tradicional e integrar aos residentes do rural e da cidade nunha actividade conxunta.
Relacionadas:
-
Empezan os ensaios para a gran cantada colectiva do 9 de agosto
Por Oskar Viéitez |
-
Comezan as festas máis cantareiras!
Por Redacción |
-
Chegan as Festas de Verán, tres meses de actividades "case a diario"
Por Alejandro Espiño |
-
'Aquí Cántase' volve cunha nova edición na que “os ensaios son á festa”
Por Gabriela Varela Asorey |
-
VIDEO.- En Pontevedra... cantamos todos!
Por Redacción & Diego Torrado |