Alfonso Calvo deixa paso no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra á inédita banda Nomads
Por Redacción & Diego Torrado
Pontevedra xa soa a jazz. A praza do Teucro acolleu este luns a estrea da edición número 26 do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Fíxoo cunha actuación do compostelán Alfonso Calvo que, en formato septeto, fixo as delicias do público pontevedrés.
Calvo, que mostrou unha música con referencias evidentes ao hard bop e ao jazz modal, presentou en directo os temas do seu disco Sea ahead, editado hai dous anos, e tamén cancións que estarán incluídas no seu próximo traballo discográfico.
O seu concerto deixa paso á segunda e última das actuacións previstas no Teucro, antes de que o festival salte ao seu gran escenario da Ferrería.
Nomads, unha banda creada ex profeso para esta ocasión, será a que anime a noite do martes, a partir das dez e media da noite.
Trátase dunha banda que reúne a grandes artistas dos dous lados do Atlántico. Así, gozaremos do gran vibrafonista norteamericano Joel Ross, que a pesar de contar con apenas 23 anos está chamado a ser unha das grandes voces do jazz en breve; ou do trompetista cubano Jorge Vistel.
Os músicos deste lado do Atlántico son galegos con Xan Campos ao rhodes, Paco Charlín ao contrabaixo e a baterista Naima Acuña. Todos eles ofrecerán un concerto único en Pontevedra.