Sanxenxo, referente para o sector editorial galego durante seis días
Por Redacción
A Praza dos Barcos de Sanxenxo acolle ata o próximo domingo 15 a súa primeira Feira do Libro, na que se ofrecerán máis de 25 actividades relacionadas coa lectura e o mundo da cultura.
O evento foi inaugurado este martes cun pregón do filósofo e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Marcelino Agís.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que Sanxenxo é novidade no calendario das Feiras do Libro de Galicia "e por iso lle desexamos todo o éxito para que se converta nunha cita da que se celebren moitas edicións".
A Serpe Edicións, Libraría Pedreira, Aenea, Libraría Cortizas, Libraría Cartabón, Arigató Ribeira, Libraría Vidal e Libraría Kathedra teñen stand nesta feira, na que a editorial Urco, ademais, ofrecerá unha exposición sobre a historia da literatura fantástica.
Haberá ademais presentacións e sinaturas de libros, exposicións, concertos, charlas e coloquios, ademais de actividades infantís, que encherán de vida este céntrico enclave da vila
Pola feira pasarán escritoras como Ánxela Gracián, autora de Doce cartas a María Victoria Moreno; Miguel García Seoane, que firmará exemplares do seu libro Galicia inmaterial, Galicia máxica; ou o propio pregoeiro, Marcelino Agís, que volverá o sábado 14 a Sanxenxo para presentar o seu libro La historia de la filosofía como nunca te la habían contado.