A mostra 'Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala' arriba no Museo do Mar de Marín
Por Redacción
O Museo do Mar de Marín é o último espazo no que se poderá ver a exposición 'Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala' despois de que realizase un percorrido por diferentes puntos da provincia.
Este xoves, o deputado de Cultura Xosé Leal inauguraba a mostra acompañado polo presidente da Asociación Museo do Mar de Marín, José Antonio Pérez Santiago e polo responsable da asociación Culturmar, Manolo Sendón.
Esta exposición atópase configurada por 18 maquetas de barcos, de diversos tamaños e con diferentes tipoloxías. Ademais tamén se ofrecen 13 paneis explicativos. Esta mostra vai acompañada por unha pequena publicación que leva por título 'Que embarcación é? Guía de embarcacións tradicionais de Galicia', un exemplar editado pola Deputación de Pontevedra.
A mostra, que permanecerá aberta ata o 22 de xullo, ofrece diversos tipos de embarcacións, con particularidades locais, que permiten comprobar o rico patrimonio marítimo que existe en Galicia. Xosé Leal aproveitou a ocasión para destacar o traballo da sociedade civil, grazas á que foi posible desenvolver o proxecto do Museo do Mar en Marín.