MozArte, un festival para fomentar a creatividade cultural dos mozos de Bueu
Por Redacción
A Praza Massó de Bueu acollerá este sábado 7 de xullo, a partir das once da mañá, a terceira edición do MozArte, un festival dirixido ao fomento da creatividade entre as persoas máis novas e que incluirá, entre outras disciplinas, obradoiros de arte en pedra, jugger, banda deseñada, ecopercusión e teatro.
Con esta filosofía naceu hai agora tres anos e consolídase como un referente na aposta artística dos mozos e mozas, que teñen moitas ideas que achegar ao conxunto da sociedade.
O programa acollerá diversas actividades en sesión de mañá, tarde e noite. Entre as 11 e as 13 horas, a artista pontevedresa Ana Seoane impartirá un orixinal obradoiro de pintura sobre pedras, destinado aos rapaces e rapazas que queiran aprender arte creativa.
Ás 12.00 horas, o instrumentista de percusión cubano Didier Díaz Madan dirixirá un pasarrúas de ecopercusión, no que estarán presentes os participantes no obradoiro impartido ao longo desta semana no centro social, no que reciclaron todo tipo de obxectos capaces de facer música.
Unha hora máis tarde, o grupo Bestas Jugger Cangas fará unha demostración deste deporte que naceu coma un xogo a partir da película Sangre de héroes, e que consiste nunha mestura entre rugby e esgrima sen técnicas violentas. Este grupo tamén volverá actuar a partir das oito da tarde, nunha demostración máis extensa.
Pola tarde, ás 19 horas, o ilustrador Kiko Dasilva presentará O picoto do pai, libro elaborado polos estudantes de O Garaxe Hermético, e posteriormente ofrecerá unha charla arredor do seu traballo como humorista gráfico.
A clausura da xornada será a cargo do grupo de teatro Se chove que chova que, a partires, das 21.30 horas, interpretará unha serie de sketchs humorísticos e retranqueiros; e ás 22.30 horas, o trío The Manueles fará as delicias dos asistentes cun estilo de música coñecida como surf rock, no que actúan o guitarrista Virxilio da Silva, o baixista Juansi Santomé e o batería Chus Pazos.