Anxo Cabada e cincuenta autores galegos amosan na Deputación "O imaxinario do país"
Eu
que tiven que acompañar o corazón
ao lento crecemento dos carballos
Esta pequena peza de Chus Pato é un dos cincuenta textos que acompañan ás imaxes de autores e autoras da literatura actual galega, todos eles retratados pola mirada do fotógrafo Anxo Cabada. Forman parte da mostra O imaxinario do país. Letras de magnesio. Retratos fotográficos e autorretratos literarios de escritores e escritoras.
A exposición, inaugurada este mércores no vestíbulo do Pazo Provincial, forma parte das actividades do Ano da Lingua e poderá visitarse en Pontevedra ata o 21 de xullo.
O deputado de Cultura, Xosé Leal, destacou que proxectos como este contribúen a que a lingua e a literatura galega estea presente en espazos públicos, "promocionándoas como un feito diferencial" e facendo que os escritores sexan unha "materia prima esencial".
A sinerxía que se dá entre o cadro visual das fotografías e das verbas dos escritores, dixo Leal, "deben significar un berro á esperanza", porque entende que o galego debe contar cun sector "potente", que teña percorrido máis alá das nosas fronteiras físicas e lingüísticas e achegue os mulleres e homes da literatura máis á cidadanía.
Antón Cabada, comisario da mostra, celebrou que a Deputación teña apoiado un proxecto "comprometido coa lingua". Destacou que na súa concepción fotográfica sempre buscou imaxes "que desen que falar" e que por iso, logo de retratar xente do mar e de terra, decidiu combinar a fotografía e a literatura galega no seu último proxecto.
O autor explicou que na mostra se pode apreciar unha clara influencia dun dos seus fotógrafos de referencia, Virxilio Viéitez, porque utiliza un escenario cun pano de fondo que crea un espazo único e unha imaxe en branco e negro que lembra á época na que a fotografía supuña un instante máxico.
Tamén quixo apostar, segundo dixo, por un traballo no que o retratista e o retratado tivesen unha relación de "vis a vis", un clima de complicidade que requiriu de moita paciencia, "e dun cociñado a lume lento", que tiña como obxectivo diferenciar o resultado final da inmediatez e o consumo rápido dos actuais "selfies".
Á idea da fotografía como reflexión e de recuperación do pulso da tranquilidade, súmanse os textos literarios que cada autor ou autora achegou á súa imaxe. Así, a mostra presenta un equilibrio entre a mirada do autor das fotos e a mirada das persoas retratadas, tanto a través da imaxe como da palabra escrita.
Neste proxecto, Anxo Cabada estivo traballando durante seis anos, polo que se inclúen imaxes e textos de persoas que faleceron recentemente, como é o caso de Agustín Fernández Paz, Xosé Neira Vilas ou María do Carmo Kruckemberg.
Tamén recolle as achegas de dous Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil, Ledicia Costas e Antonio García Teixeiro, do ex presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e do actual presidente, Víctor F. Freixanes, así como da académica Fina Casalderrey.
Entre os cincuenta participantes poden contarse representantes de diversos estilos literarios e de diferentes idades e xeracións como son Xosé María Álvarez Cáccamo, Antía Otero, Darío Xohán Cabana, María Lado, Yolanda Castaño, María Xosé Queizán, Lucía Novas, Miguel Anxo Fernán Vello, Dores Tembrás, Eva Veiga, Baldo Ramos, Rosalía Fernández Rial, Ramón Caride, Francisco Castro, Estíbaliz Espinosa, Valentín Carrera, Chus Pato, Fran Alonso, Carmen Blanco, Caludio Rodríguez Fer, Déborah Vukusic, Anxos Sumai, María Solar, Olga Novo, Anxo Angueira, Manuel Álvarez Torneiro, Marga do Val, Xosé Vázquez Pintor, Mercedes Queixas Zas, Alfredo Conde, Pedro Feijóo, Xavier Rodríguez Baixeras, Xina Vega, Suso de Toro, Silvia Penas, María Reimóndez, Xesús Constela, Esther F. Carrodeguas, Domingo Villar, Manuel Forcadela, Xosé Luis Méndez Ferrín e Iolanda Zúñiga.