Comeza a homenaxe ao cineasta Chano Piñeiro cunha exposición na súa memoria
Por Redacción
Numerosas persoas de Ponte Caldelas asistiron á inauguración da exposición de homenaxe á figura do cineasta de Forcarei, Chano Piñeiro. A mostra pódese visitar nunha sala da rúa González Bicada, a proposta dos veciños Anxo Ventín e Fonsi Malecas, da asociación Somos Ponte Caldelas, ao entender que a vila ten unha débeda pendente co director de ' Sempre Xonxa', cuxos restos mortais descansan no cemiterio da vila.
Na inauguración da mostra que se poderá visitar ata o domingo, Cándido Garrido "Picanzo" lembrou os anos en que os antigos alumnos do Colexio San Narciso de Marín compartiron vivencias con Chano Piñeiro na etapa escolar. Describiu ao director como "un tolo que tiña na cabeza milleiros de ideas e xenialidades". A exposición recolle fotografías persoais, libros, carteis, efectos persoais e material das rodaxes das súas películas.
Mariluz Montes, viúva de Chano Piñeiro, viviu un reencontro moi emotivo cos numerosos veciños que asistiron ao acto. Este mércores proxectarse ás 20.30 horas no salón de actos do Colexio Cordo Boullosa, a película 'Os paxaros morren no aire', cun coloquio final no que intervirán Mariluz Montes, Cándido Picanzo e intérpretes da película.
O xoves 5 continuarán as actividades coa proxección da película ' Mamasunción' e do documental sobre a rodaxe. Será ás 20.30 horas no CEIP Cordo Boullosa. Despois establecerase un coloquio coa presenza do biógrafo de Chano Piñeiro, Francisco Rozados.
O venres 6 finalizará o ciclo coa proxección de 'Sempre Xonxa'. Tamén ás 20.30 horas. A actriz protagonista, Uxía Blanco, asistirá e participará nun posterior coloquio.
Desde a asociación cultural 'Somos Ponte Caldelas' reclámase que se conceda o título póstumo de Fillo adoptivo de Ponte Caldelas a Chano Piñeiro e que se lle dedique unha rúa ou a Casa da Cultura ao cineasta galego.