O Museo incorpora á súa colección permanente os orixinais do Álbum Nós de Castelao
Por Redacción
A Sala Castelao do segundo andar do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra volverá abrir esta semana despois dos traballos de remodelación realizados nos últimos meses. Con esa reapertura, quedarán expostas ao público as 50 estampas orixinais do Álbum Nós de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
As obras incorporaranse xa de xeito definitivo á colección permanente do Museo, un paso que pon o broche a máis de oito décadas de busca constante por parte de diferentes axentes do mundo da arte a estas pezas únicas.
A pista destas obras perdérase na década de 1930 e finalmente foron localizadas no mes de marzo de 2016, no marco do Ano Castelao. O equipo técnico do Museo de Pontevedra estaba a traballar na compilación da obra orixinal do artista para a mostra Meu Pontevedra, que conmemoraba o centenario da chegada do artista á cidade do Lérez, cando atopou as estampas orixinais.
Esta incorporación celebrarase por todo o alto o martes 3 de xullo ás 19.00 horas cun acto que contará coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva; o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O director do Museo, Carlos Valle, e os conservadores responsables do achado, Ángeles Tilve e José Manuel Castaño, tampouco faltarán á cita.
O acto incluirá a interprentación de cantares de cego, a cargo do músico Luis Caruncho, e unha intervención artística baseada nas propias estampas, esta última a cargo da poeta e performer Tamara Andrés.
Ademais, agárdase a asistencia de representantes de institucións relacionadas coa obra de Castealo como a Real Academia Galega de Belas Artes, a Real Academia Galega, a Fundación Castelao, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Filgueira Valverde. Tamén están convidadas persoas do mundo editorial como a Editorial Galaxia e Javier Baltar, principais propietarios dos dereitos de autor da obra do rianxeiro.
Castelao realizou as estampas do Álbum Nós entre os anos 1916 e 1918 e expúxoas por primeira vez na Coruña en 1920. Posteriormente, entre os anos 1921 e 1924 sería exposto en Madrid, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Ferrol, Pontevedra, Barcelona, Vigo e Santiago de Compostela. En 1931 editaríase en formato libro.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra faise coa propiedade do Álbum Nós de Castelao
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O Museo será escenario dun acto conmemorativo sobre o legado de Castelao o 30 de xaneiro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O ilustrador Kiko da Silva lémbralle a Núñez Feijóo que "Bóveda non era mestre. Foi o mestre de Castelao"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Coa recepción do 'Álbum Nós' complétase o ciclo Castelao non só no Museo de Pontevedra, senón en termos absolutos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Museo reestrutura as Salas Castelao para expoñer os orixinais do Álbum Nós
Por Redacción |
-
Os orixinais do Álbum Nós permanecerán expostos no Museo, polo menos durante cinco anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Máis de 4.300 persoas visitaron a exposición 'Meu Pontevedra' de Castelao no seu primeiro mes
Por Redacción |