Ponte Caldelas encara varias semanas de homenaxes a Chano Piñeiro
Por Redacción
A asociación cultural Somos Ponte Caldelas homenaxeará ao cineasta galego Chano Piñeiro durante as próximas semanas cunha serie de actividades que inclúen unha exposición monográfica sobre a súa vida e obra, a proxección de tres películas representativas do seu traballo e un concurso fotográfico especialmente para xente nova.
A primeira das actividades será un concurso maratón fotográfico que se celebrará o vindeiro sábado 30 de xuño e que terá temática libre aínda que especialmente adicado a mozos do municipio. Preténdese que os participantes ofrezan unha mirada distinta e orixinal dos distintos lugares con encanto que contén Ponte Caldelas desde un punto de vista paisaxístico, turístico, etnográfico e cultural.
Ademais, entre os días 2 e 8 de xullo organizarán unha mostra monográfica nun local habilitado como sala de exposicións na rúa Augusto González Besada. Incluirá fotografías, cartaces, claquetas, cámaras de cine, recordos da súa mocidade en Ponte Caldelas, recortes de prensa, premios e todo tipo de elementos que formaron parte da vida e obra do cineasta.
O acto oficial da inauguración celebrarase o luns 2 de xullo ás 20.30 horas. Está previsto que participen a súa viúva, Mariluz Montes Quireza, e o seu biógrafo, Francisco Rozados. No transcurso do evento intervirá Cándido Picanzo, veciño de Ponte Caldelas e compañeiro de estudios de Chano Piñeiro.
As actividades de homenaxe a Chano Piñeiro continuarán o mércores baixo o título xenérico de 'Ponte Caldelas de cine'. Ás 20.30 horas proxectarase no salón de actos do colexio Cordo Boullosa a película 'Os paxaros morren no aire', na que interviron como extras varios veciños de Ponte Caldelas.
O xoves 5 tocaralle o turno á proxección da película 'Mamasunción' e o venres 6 será o turno da longametraxe 'Sempre Xonxa'. Despois das tres proxeccións haberá un coloquio.