O universo de Agnès Varda chega ao Pazo da Cultura de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Variacións ao redor do mar. É o nome da exposición da obra vangardista da cineasta francesa Agnès Varda que se poderá visitar no Pazo da Cultura de Pontevedra a partir do próximo xoves 28 de xuño, ás oito da tarde.
É, segundo os seus organizadores, a mostra máis importante que se celebra en toda España sobre a obra de Varda. Estará centrada na paisaxe marítima e os rostros das mulleres viúvas.
A mostra incluirá nove instalacións videográficas, arredor de cen fotografías de distintas épocas e un ciclo de cinema no que poderá verse a súa última produción, Rostros e lugares, rodada no ano 2017, ademais doutros filmes de distintas épocas.
A comisaria da exposición, Julia Fabri, presentou a mostra na compañía do responsable cultural do campus de Pontevedra, José Manuel Morquecho, e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, quen destacou á cineasta francesa como unha das primeiras mulleres directoras de cinema e ademais un dos primeiros exemplos de cinema feminista "que non é o mesmo".
Esta exposición, engadiu Fouces, axudará a posicionar culturalmente á cidade, xa que se trata dun evento "único, grande, innovador e vangardista como a propia Agnés".
Fabri, pola súa banda, engadiu que a motivación da exposición céntrase en especial na paisaxe marítima e os rostros de mulleres viúvas, tanto da mediterránea cidade de Sète como da illa atlántica de Noirmontier, ao oeste do país.
Esa conexión marítima foi o principal argumento da idoneidade de Pontevedra como escenario desta exposición, "ademais do marabilloso espazo do Pazo da Cultura, que permite montar a exposición máis grande das que fixemos sobre a obra da cineasta", asegurou.
Relacionadas:
-
A exposición de Agnès Varda no Pazo da Cultura complétase coa edición dun catálogo sobre a creadora
Por Redacción |
-
"Variacións ao redor do mar", a exposición dedicada á cineasta e artista Agnès Varda
Por Redacción |
-
Pontevedra quere acoller en 2018 a exposición "máis importante" feita en España sobre Agnès Varda
Por Alejandro Espiño |