Quince librerías pontevedresas participan esta fin de semana na Festa dos Libros 2018
Por Redacción
O universo literario volverá ser protagonista da Festa dos Libros na segunda edición deste evento que se celebrará entre o venres 22 e o domingo 24 na praza da Ferrería.
Quince librerías pontevedresas, dúas máis que en 2017, e unha portuguesa, especializada na temática de Trás-os-Montes e Alto Douro, serán as protagonistas desta cita onde está prevista a presenza de 60 autores, que van participar en 35 actos que se desenvolverán ao longo de tres días: presentacións, sinaturas, charlas, mesas redondas, obradoiros ou actuacións musicais como as de Azul de Bueu, unha banda que mestura o jazz coa música tradicional, e a de Mad Martin Trío.
Este luns presentábase esta segunda edición con representantes das librerías Aviones de Papel, Clip e Naranjo, acompañadas pola concelleira de Festas, Carme da Silva. Destacaron o éxito da anterior edición e as numerosas actividades que se acollen neste evento.
O venres vai inaugurarse ás 12.00 horas con David Neira e desenvolverase unha mesa redonda baixo o título 'Pontevedra si ten quen lle escriba', na que participarán Rafael L. Torre, Rafael Fontoira e Xosé Fortes. Durante a tarde, Genaro da Silva, Antonio Sá Gué e César Lorenzo Gil serán os encargados de debater sobre a poesía contemporánea galega e portuguesa. Será a partir das 20.00 horas.
A continuación, Fina Casalderrey, Montse Fajardo, Anxela Gracián, Montse Pena, Xavier Senín e Eli Ríos analizarán a figura da escritora María Victoria Moreno. Acto seguido, vai proxectarse o documental 'María Victoria Moreno. Galega por amor', promovido polo Concello de Pontevedra, que organiza tamén esta Festa dos Libros.
Outros autores como Suso de Toro, Arantza Portabeles, Milagros Bará, Ledicia Costas, María Oruña, Manuel Lourenzo, Manel Loureiro, Rafa Cabeleira, Kiko da Silva ou Diego Ameixeiras visitarán a carpa para participar nas diferentes iniciativas. Outra das novidades atópase nas 'Lecturas orgullosas', un distintivo que se instalará nos postos das librerías que teñan unha selección de libros dirixidos ao colectivo LGTBI.
Ademais de actuacións para o público infantil, o sábado 23, ás 11.30 horas, vai desenvolverse o Paseo pola Pontevedra Literaria, da man de Montse Fajardo. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico a pontevedraliteraria@gmail.com indicando o nome completo e o teléfono de contacto. As prazas están limitadas a 50 persoas.
Tamén o sábado de 17.00 a 19.00 horas vai ter lugar un obradoiro sobre escrita diversa para escolares a partir dos 12 anos. Será impartido por Eva Mejuto para un máximo de 20 persoas. Para participar é necesario inscribirse no facebook de la Festa dos Libros.
As librerías participantes ofrecen un 10% de desconto en todas as compras.
Relacionadas:
-
Éxito de actividades e participación na Festa dos Libros
Por Redacción |
-
Kalandraka celebra os seus 20 anos reunindo máis dunha ducia de autores na Festa dos Libros
Por Oskar Viéitez |
-
Centos de persoas achéganse pola Festa dos Libros na súa primeira xornada
Por Redacción |
-
Chegan as Festas de Verán, tres meses de actividades "case a diario"
Por Alejandro Espiño |