Os revolucionarios Boikot e a poesía rockeira de Rulo súmanse ao cartel do SonRías Baixas
Por Redacción
O Festival SonRías Baixas suma dous nomes de referencia no panorama rockeiro español ao cartel da edición 2013: a mítica banda punk madrileña Boikot e o novo proxecto do rockeiro cántabro Rulo, acompañado por La Contrabanda. Estas propostas completan o cartel do que xa se desvelaran os nomes de dúas bandas europeas de primeiro nivel: a banda punk británica The Toy Dolls e os italianos Talco, cultivadores dun ska revolucionario e festivo.
Ritmos trepidantes, compromiso social e mensaxe política caracterizan a Boikot, unha das bandas máis míticas do rock estatal desde o seu nacemento a finais dos oitenta. Os madrileños traen ao Festival SonRías Baixas o seu último traballo, Lágrimas de Rabia, que retrata estes tempos de tempestade económica mundial e axitación crecente nas rúas. Tempos de dramas cotiáns que os Boikot interpretan en clave internacionalista, incorporando sons e realidades doutras latitudes.
Nos seus concertos caben sons de todas as cores e sabores: hits punkrockeros, melodías máis coidadas, arranxos sorprendentes, textos íntimos e chamadas a revolución. Queren que roden cabezas e que cando chegue a revolución nos colla bailando e dende a organización aseguran que o Festival SonRías é un bo lugar para comezar.
Rulo é un dos referentes do rock español, coas súas letras profundas e a súa poesía urbana, contando e cantando ao amor, aos soños e ao paso do tempo. Curtido nas listas de éxitos con La Fuga, entre os noventa e a primeira década do século XXI, o músico cántabro gravou seis discos e deu centos de concertos por diferentes países.
No outono de 2009 abandonou o proxecto, pero non a música. En menos dun ano, estaba xa gravando o seu primeiro disco con La Contrabanda, Señales de Humo, co que chegaron a ser número un de vendas e deron 69 concertos en tres países. A Bueu traen o seu segundo disco, Especies en extinción, unha mestura de blues, pop melódico, rock fronteirizo e ese toque poético seu coa que están a encher as salas máis importantes do panorama estatal.
A cita co SonRías Baixas será a fin de semana do 2 e o 3 de agosto no Multiusos da Estacada, en Bueu, e as entradas están á venda, por 19 euros o abono dos dous días, coa acampada incluída, en Servinova, Ticketea, Ticketmaster, nas tendas do Rei Zentolo e nos seguintes establecementos: Aturuxo (Bueu), Zappa (Bueu), Magic (Bueu), A Bolera (Moaña), Guerrilla (Cangas), LP (Vigo), A Reixa (Santiago) e Auriense (Orense). A organización anuncia que completará o cartel e subirá o prezo das entradas nas próximas semanas.
Relacionadas:
-
Los Enemigos, Riot Propaganda, Foxy Freire e Dakidarría completan o cartel do SonRías Baixas
Por Redacción |
-
Vortex e as boirenses Agoraphobia tocarán no SonRías Baixas tras gañar o concurso convocado polo festival
Por Alejandro Espiño |
-
Tres bandas pontevedresas, Qué Desilusión!, La4Pared e Malkeda, as máis votadas para sumarse ao SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño |