'Vive o Camiño' programa música e teatro este verán en Pontevedra, Vilaboa, Barro, Caldas ou Portas
Por Redacción
O programa de artes escénicas 'Vive o Camiño' encherá de música e teatro numerosas rúas e prazas de Pontevedra durante este verán. Ofrecerá máis de 40 actividades de balde e dirixidas a todos os públicos nos concellos galegos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa, entre eles, varios da provincia.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, presentaron este martes en Pontevedra esta iniciativa que se inclúe dentro das actividades programadas no ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa.
A primeira parada de 'Vive o Camiño¡ será o luns 25 de xuño no concello pontevedrés de A Guarda e a última o 14 de setembro no municipio coruñés de Ames. Entre unha e outra actividade terá paradas en Pontevedra cidade, Vilaboa, Barro, Caldas de Reis ou Portas das comarca de Pontevedra e Umia.
As actividades serán desde finais deste mes de xuño ata o mes de setembro. En total programaranse 44 entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e cunha ampla experiencia no mundo das artes escénicas e a música. Estas accións irán acompañadas dunha exposición informativa tanto do Camiño Portugués como do Camiño Portugués da Costa.
O Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa tamén acollen durante estes meses a exposición itinerante 'De mar a mar', que ofrece unha perspectiva en 3D do Camiño de Santiago e que pode visitarse ata o 30 de xuño no Café Moderno Afundación de Pontevedra de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas.
De xeito paralelo, ambos itinerarios nos que se celebrarán todas estas actividades culturais continúan a medrar. O Camiño Portugués consolídase como o segundo itinerario máis transitado polos peregrinos, só por detrás do Camiño Francés.
Así o constatan as cifras da Oficina do Peregrino, que revelan un incremento dun 20% en só un ano. Pola súa banda, o Camiño Portugués da Costa está a demostrar o seu crecente interese. A día de hoxe, xa o escollen o dobre de peregrinos que o escollían hai un ano.