Cerdedo-Cotobade segue dando pasos para que Antón Fraguas teña as Letras Galegas 2019
Por Redacción
Os vinte membros da corporación municipal de Cerdedo-Cotobade apoiaron este xoves en sesión plenaria seguir adiante coa proposta de solicitar á Real Academia Galega (RAG) que o Día das Letras Galegas 2019 teña como figura homenaxeada ao escritor, historiador, etnógrafo, expresidente do Museo do Pobo Galego e fillo predilecto do municipio, Antón Fraguas.
O pleno debateu esta moción despois dun acordo xa acadado previamente polos dous grupos municipais, PP e PSdeG-PSOE. Unha vez aprobado por unanimidade, a vindeira semana vaise remitir unha carta informativa desta proposta á institución académica para respaldar a candidatura e os "sobrados méritos" deste intelectual galeguista para ser a figura homenaxeada nas Letras Galegas 2019.
O acordo aprobado polo pleno recolle, ademais desa solicitude, a absoluta e total colaboración do Concello na organización e desenvolvemento de todos os actos, así como a consideración de que Cerdedo-Cotobade debe ser o epicentro desta celebración das Letras Galegas por ser o lugar de orixe de Fraguas, que se sentía especialmente vencellado a Cerdedo-Cotobade.
O presidente municipal, Jorge Cubela, valorou moi positivamente o consenso alcanzado polos dous grupos e considerou que esta unanimidade "demostra que Antón Fraguas é unha figura indiscutible para todas as xentes deste concello, o cal cremos que reforza moito a súa candidatura".
Cubela explicou que "cursamos esta petición porque no ano 2019 cúmprese o vixésimo aniversario do seu pasamento e estimamos que, máis aló da humilde programación municipal que estamos a emprender, é o momento idóneo para que reciba a máxima homenaxe da nosa cultura e das nosas letras".