A quinta edición de Culturgal celebrase en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro
Por Redacción
Máis de 150 propostas recibiu a organización de Culturgal, a Feira de Industrias Culturais de Galicia, para a elaboración do programa oficial da súa quinta edición, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra a fin de semana do 30 de novembro ao 2 de decembro. Segundo a organización, o alto número de ideas "dá boa conta da creatividade e do talento que hai en Galicia, a pesar do difícil momento que vive a industria".
En concreto, foron 88 as entidades que propuxeron as 156 actividades para o programa oficial de Culturgal. Destas propostas, 55 son musicais, 37 pertecen ás distintas pólas das artes escénicas, 31 ao sector editorial, 10 ao audiovisual, sete ás novas tecnoloxías e 16 a outros gremios da creación cultural. Entre elas, 93 das actividades propostas están pensadas para o público xeral e 63, para o familiar.
Culturgal afronta agora a selección das propostas máis interesantes, e dará prioridade a aquelas "que experimenten con formatos de presentación singulares, non estandarizados, que incidan na participación do público", así como a aquelas "que acheguen o público aos procesos creativos, impliquen a colaboración intersectorial e supoñan a estrea de produtos e proxectos novos".
Durante o traballo previo de organización, Culturgal mantivo xuntanzas con máis de 50 asociacións sectoriais, institucións públicas e entidades privadas na busca de apoios e de ideas para a creación, un ano máis, do espazo colectivo que é a Feira das Industrias Culturais de Galicia.
"Nun momento difícil para as industrias culturais, Culturgal quere ser un elemento vertebrador que contribúa a solucións compartidas e a visibilizar conxuntamente a importancia do sector como motor económico presente e futuro e como fonte de innovación e emprego cualificado", aseguran desde a organización da Feira.
Culturgal é unha romaría á que acoden cada ano miles de persoas na busca desas actividades que lle toman o pulso ao estado da industria creativa no país. "Máis que unha feira, Culturgal é o fogar da cultura galega", destacan os seus directores. "Unha casa na que todas as empresas, persoas, asociacións e entidades que producen, desenvolven, difunden, xestionan ou comercializan produtos e servizos culturais no ámbito galego ou dende Galicia teñen o seu oco".
Nesta edición, máis de 55 empresas e colectivos teñen xa reservado o seu espazo. O prazo remata o 10 de outubro e, aínda que os prezos son moi axustados, a organización ofrece este ano ademais facilidades no pagamento dos stands, cunha nova opción: as empresas poden formalizar a contratación de espazo en calquera momento por tan só 100 euros e abonar o resto unha vez finalice a feira, beneficiándose da oportunidade comercial que supón o propio evento.
A casa da cultura galega
A casa da cultura galega, como todas as casas, está dividida en cuartos, segundo os tipos de público e a natureza dos proxectos culturais que cada entidade expositora propoña.
A casa da cultura galega está dividida en cuartos, segundo os tipos de público e a natureza dos proxectos culturais de cada entidade
O salón é un cuarto confortable e amplo no que se suceden as presentacións das últimas novidades editoriais e as conversas informais entre xornalistas e autores. Un fervedoiro de público e de ideas. O lugar perfecto para presentar e coñecer calquera proxecto relacionado coa industria editorial.
Non moi lonxe, no cuarto dos nenos, sucédense as actividades para o público infantil e xuvenil de xeito continuo ao longo de toda a fin de semana. Obradoiros, exposicións, contacontos, maxia, teatro, danza, presentacións de libros e discos... dende a apertura da feira ata o peche, non hai un momento para aburrirse.
No outro extremo da casa está o patio, a área máis canalla da casa. Un bar con programación non stop de música, teatro e danza. En pequenas doses, para que dea tempo a dixerir todas as novidades. Entre pílula e pílula, vídeos cos grandes eventos culturais do ano.
E, para fedellar coas pantallas e trebellos que forman parte ineludible da nosa vida e da nosa maneira de entender a cultura hai que baixar ao garaxe, o recuncho no que atopar e difundir todo o relacionado coa industria audiovisual, as novas tecnoloxías da información, os novos medios e, en xeral, calquera proxecto baseado na creación e na distribución dixital de contidos culturais.