Venres para facer "escapárate" con Chévere polos comercios do centro histórico
Por Anxo Lourido
Ás 12:15 do mediodía deste venres 3 de maio comezará a animación na zona da Praza da Peregrina e a partir dese momento, actores da compañía teatral Chévere percorrerán, durante a mañá e a tarde, varios establecementos do centro histórico de Pontevedra a través da proposta "Escapárate. Teatro en escaparates". En cada un deles realizarán unha pequena interpretación con sketchs curiosos onde dous homes aparecen colgados dun percheiro ou coreografías para seis pernas con pelos.
O humor está garantido nestas pezas nas que Chévere busca que o público se achegue aos comercios e, por experiencias anteriores en Pontedeume, Santiago, Lugo ou Viveiro, as vendas aumentan con esta iniciativa. Nesta ocasión tamén intervirá a actriz pontevedresa de adopción, Marián Bañobre, ademais da compañía de monicreques O Retrete de Dorian Gray.
Segundo comentaron os actores Miguel de Lira e Xesús Ron na presentación no Concello, os comercios foron escollidos pola compañía e recoñecen que se atoparon algúns empresarios non quixeron intervir. Non obstante, os seleccionados "estaban todos moi dispostos".
Cada intervención dura menos de dez minutos e a actividade comercial continúa no interior da tenda mentres a representación se realiza no escaparate. As actuacións serán nos establecementos de Sánchez Hogar, Homes, Ernesto Filgueira Muller, Clarita ou Mobles Mirón. As sesións da mañá finalizarán ás 14 horas e, pola tarde, continuarán a partir das 18:30 horas con animación dende a Praza Curros Enríquez para percorrer os mesmos comercios ata pasadas as 21:30 horas.