"A identificación co noso", clave no éxito da serie 'Fariña'
Por Redacción
O alter ego do narcotraficante Manuel Charlín na pantalla, o actor Antonio Durán "Morris" e o director da serie televisiva 'Fariña', Carlos Sedes, acudiron este martes á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para falar do éxito deste fenómeno televisivo que no seu primeiro capítulo obtivo un 20% de cota de pantalla e en Galicia chegou a superar o 40%.
Un amplo número de estudantes acudiron ao coloquio conducido polo profesor Paulino Pérez. Sedes explicou que na serie protagonizada por un elenco galego "tentamos comportarnos como somos", co obxectivo de recrear as vilas galegas dos anos oitenta parándose en detalles como as pedras das paredes e dando protagonismo ao acento galego.
O director sinalou que esta concesión é un privilexio "porque normalmente non che deixaban facer estas cousas en televisión".
Tamén "Morris" destacou este aspecto, segundo se recolle no DUVI, afirmando que "unha das cousas que funcionaban ben é que responde a un relato real" e que a situación en Galicia non é igual á dos gánsteres ou os narcos doutros países. Por este motivo, fomentouse a "identificación co noso".
O secuestro por orde xudicial do libro 'Fariña', de Nacho Carretero, en que está baseada a serie axudou a que a ficción da serie relacionásese aínda máis coa actualidade. "Morris" asegurou que se trata dun proxecto "moi bonito e moi traballado" o de interpretar a Manuel Charlín porque levou a cabo un proceso de documentación para elaborar un retrato robot "no que non quixen imitar a ninguén".