Música, teatro, pintura e cine con acento pontevedrés para "subir ao palco"
Por Alejandro Espiño
Visibilizar o talento artístico da mocidade de Pontevedra. Ese é o espírito co que se configurou a programación de actividades que integrarán o programa "Sube ao Palco", que encherá de propostas culturais o palco de música da Alameda nos meses de maio e xuño.
Serán doce as propostas xuvenís de música, teatro, pintura e cine que participarán nesta iniciativa que, como subliñou o concelleiro Alberto Oubiña, busca "poñer en valor" o talento dos mozos e mozas da cidade.
"Sube ao Palco" comeza este xoves, 3 de maio, coa actuación musical de RoseMary. Marián Romero, estudante de Publicidade e Relacións Públicas no campus de Pontevedra, é a artista que está detrás deste proxecto musical que mestura xéneros como o soul, o góspel ou o blues, decantándose por timbres de contraltos graves que non deixarán indiferente a ninguén.
O concerto terá lugar as 20.30 horas e ten unha duración aproximada dunha hora.
A esta actuación musical lle seguirán Jaime Van Bergen e Beatriz Sánchez Madruga o xoves 10 de maio co seu proxecto Impro sonora sobre formato audiovisual, onde as imaxes e os sons xerarán unha estrutura circular que somerxerá aos espectadores nun mar de secuencias proxectadas poñendo en evidencia a capacidade da transformación social nas artes vivas.
O audiovisual será outros dos protagonistas. O xoves 24 de maio será a quenda da webserie Generación WIFI e o xoves 31 de maio da proxección das curtametraxes Van, Astal e Bágoas Negras. Ambas proxeccións se realizarán en dúas quendas a partir das 21.30 horas.
A música será a encargada de dar comezo á programación do mes de xuño. O grupo pontevedrés de hardrock Particle subirá ao quiosco da Alameda o mércores 6 de xuño ás 20.30 horas.
Seguirá a esta proposta, a performance teatral Me hicieron la de Ubú Rey de Miguel Tierra Rodríguez, na que se establecerá un diálogo indirecto no que se inclúen varias personaxes tratadas pola mesma persoa que se fai preguntas e se responde ao mesmo tempo. Será o xoves 14 de junio ás 20.30 horas e estará acompañado no escenario por Daniel Gómez, que ofrecerá un concerto de música indie-folk.
O xoves 21 de xuño subirá ao palco a escola de artes Alquimia Arts cunha exposición de pintura dos traballos realizados polos seus alumnos. Estarán acompañados da banda Elephant in the Room, proxecto de tres alumnas do campus de Pontevedra, que ofrecerán un concerto en acústico.
A programación pecharase coa obra de microteatro Fase Lola, unha reflexión sobre o amor e o papel da amizade na superación dunha crise sentimental. A obra terá lugar o xoves 28 de xuño ás 20.30 horas e contará con dous pases.
Relacionadas:
-
Rosemary revive o palco da Alameda coa súa música
Por Sara López Lago |
-
RADIO.- "Pódeselle dar outra vida ao palco da Alameda aproveitando o fervedoiro cultural de Pontevedra"
Por Marisa Ciordia |
-
O Palco da Música encherase de vida cultural durante os meses de maio e xuño
Por David Arana & María López Verdial |