A cantante pontevedresa, Ángeles Ruibal, canta a Yupanqui no Principal
Por Redacción
Leva 10 anos sen pisar o escenario do Teatro Principal en Pontevedra e este xoves regresará ao seu fogar. Ángeles Ruibal, unha cantante nacida en San Andrés de Xeve que leva anos triunfando en Arxentina, ofrece este único concerto en España como homenaxe á figura do cantautor e poeta arxentino Atahualpa Yupanqui.
Durante tres meses, Ángeles Ruibal realizou unha xira por terras arxentinas para presentar o seu último disco Así siento a Yupanqui. E tras este concerto no Principal ten previstas máis de 20 actuacións en distintos puntos do país que vió nacer a Gardel. Precisamente este traballo da cantante pontevedresa foi nomeado a tres Premios Gardel de la Música. Neste disco participan dende a súa filla, Irene Aschero, ata o fillo do propio Yupanqui, Roberto Chavero.
Nesta cuarta ocasión en que subirá ao escenario do Principal durante a súa carreira musical presentará estes temas acompañada por Lucho Baigo, un coñecido guitarrista do folclore arxentino.
Ángeles Ruibal sinalaba na presentación do concerto no Concello de Pontevedra que este recital supón volver aos inicios porque "a miña primeira actuación foi na Complutense de Madrid con temas de Yupanqui ante máis de 1.500 mozos". Pouco despois viaxaba a Bos Aires onde realizou unha longa carreira con Los Juglares ata que decidiu iniciar un proxecto en solitario coa publicación, ata a data, de dous discos. Agora ten a vista posta na publicación dun cd de tangos.
O concerto comezará ás 8:30 da tarde no Teatro Principal este xoves 2 de maio. A entrada é libre e gratuíta.