200 persoas fan cola na praza da Verdura para asistir ao encontro coa ilustradora Sarah Andersen
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O personaxe de Sarah representa unha millennial que se enfronta á fase de converterse en adulta, con problemas de adaptabilidade e de preguiza. Ela logrou conectar con millóns de seguidores no mundo.
A autora do webcomic 'Sarah's Scribbles' é Sarah Andersen, unha moza estadounidense que este martes 24 chegaba a Pontevedra da man da Librería Paz para manter un encontro cos seus fans na Casa da Luz.
Desta forma, minutos antes da súa intervención, máis de douscentos seguidores gardaban cola ao longo da praza da Verdura co obxectivo de asistir a esta cita e lograr que asinase o seu libro de recompilación Sarah's Scribbles titulada Adulthood is a Myth.
Sarah Andersen mostrouse encantada co interese mostrado polo público de Pontevedra, que abarrotaba o recinto. A historietista estaba acompañada da ilustradora María Montes e de Rafa Tenorio, coordinador do club de lectura de banda deseñada na Librería Paz.
Comentou que traballa con photoshop, cunha capa de boceto e outra de rotulación para despois ofrecer un toque de litografía. E tamén destacou que a imaxe que ofrece da muller procede da súa experiencia vital, representándoa en contraste co binomio muller-amor ou muller-natureza.
Neste sentido, apuntou que lle interesa ofrecer unha perspectiva da muller como persoas e non representalas como personaxes necesariamente fortes. Ademais insistiu en que quere recoller todo tipo de temas para as súas tiras cómicas porque entende que o éxito reside neste aspecto, sempre sendo fiel ao personaxe.