No mes de maio "a lingua non para" co Correlingua

© Alejandro Vila

© Alejandro Vila

© Alejandro Vila
Pontevedra foi a cidade elixida para presentar o Correlingua a nivel galego. O martes 17 tiña lugar no Teatro Principal o evento, ao que acudiron escolares dos distintos centros que participan na actividade, así como os representantes das organizacións que o fan posible. Tras a introdución, dábase paso á entrega de premios aos colexios que colaboraron no proxecto.
Baixo o lema de "a lingua non para", a décimo oitava edición abríase cunhas palabras do presidente do Correlingua, Anxo Terán, quen recalcaba o slogan e animaba aos nenos e nenas a compartir o galego e non deixar que se pare.
O obxectivo do Correlingua non é outro que reivindicar a lingua galega desde un punto de vista lúdico. Anímase aos escolares para participar durante todo o ano con traballos en galego e en especial nas actividades que se organizan en maio, que encherán as rúas da forza da lingua en especial entre a mocidade, afirmaba Xosé Leal, deputado de Cultura de Pontevedra.
Máis de vinte mil alumnos participaron con proxectos realizados ao longo do ano. O esforzo viuse recompensado na entrega de premios. Os gañadores foron, na categoría de vídeo infantil e primaria, o centro Ramón Cabanillas de Santiago de Compostela; de vídeo de secundaria, o Colexio Seminario Menor Inmaculada de Ourense. O premio de banda deseñada levoullo o CEIP Albeidos de Lugo e o centro Antón Fraguas foi o premiado polo seu manifesto.
Ao acto tamén acudiron Goretti Sanmartin, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable de Lingua; Mónica Pazos, representante da Mesa pola Normalización Lingüística; Xoan Costa, presidente de as.pg y Suso Bermello, secretario nacional de CIG Ensino. Todos eles felicitaron aos participantes e destacaron a importancia do galego nas aulas así como dos docentes que o imparten como motor para conseguir a normalización completa da lingua.
O Correlingua estenderase polas rúas das distintas cidades de Galicia ao longo do mes de maio.
Comezará o día 2 en Bueu, na praza Massó coa Orquestra Pantasma e a actuacion de Radio Bulebule de Paco Nogueiras. A Estrada, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo, Tomiño, Mondoñedo, Ourense, Monforte de Lemos, Ferrol e Vigo recollerán tamén lecturas, proxeccións e concursos, entre moitas actuacións.
Presentación do Correlingua no Teatro Principal en Pontevedra
Presentación do calendario do Correlingua no Teatro Principal de Pontevedra o martes 17 e entrega de premios aos colexios que participaron con vídeos, bandas deseñadas e manifestos en galego
© Alejandro Vila