180 escolares exploran o universo literario a través dunha xincana no Salón do Libro

Por Redacción

© Mónica Patxot

© Alejandro Vila
Case 200 estudantes de ESO e Bacharelato que forman parte de clubs de lectura participaban na mañá deste venres nunha xincana literaria dentro das actividades programadas no Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Ledicia Costas, María Reimóndez, Anxo Fariña, Tamara Andrés e Fran Alonso foron os autores encargados de levar a cabo esta proposta que contou coa actuación do dúo musical Canela Cafuné.
Os grupos de escolares rotaron por diferentes puntos e aprenderon a crear poemas; a coñecer a tradición oral e as influencias familiares, que serven para desenvolver historias; coñeceron a vida das atletas de Etiopía da obra 'Corredora' de María Reimóndez e mesmo se converteron en redactores, ilustradores e editores de diferentes obras, ademais de creadores de personaxes literarios.
Ao mesmo tempo realizáronse outros talleres nos que se explorou a vida de Frida Kahlo ou se aprenderon as técnicas de debuxo do manga e o anime, con creación de superheroínas.
Xa durante a tarde, Rocío Kuri contou lendas de tradición prehispánica procedentes de México. A xornada finalizará ás 22.30 na Taberna do Jazz nunha homenaxe á figura de Frida Kahlo.
Este sábado 14 será unha xornada cargada dunha ampla programación, que ofrecerá a oportunidade de elaborar un libro xigante cheo de historias, debuxos e palabras, unha actividade que levará a cabo ao longo de todo o día no Pazo da Cultura. Ademais haberá sesións de contos entre as 11.00 e as 14.00 horas.
A Sétima Feira unirase a México no primeiro piso do Mercado de Abastos entre as 11.00 e as 15.00 horas. E a partir das 17.00 horas continuarán os obradoiros e as sesións de contos no Pazo da Cultura, que finalizarán co concerto de Radio Bule Bule a partir das 19.00 horas, unha experiencia para vivir a radio en directo a través de Paco Nogueira.
Xincana literaria no Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2018
Unha xornada literariamente ben divertida con música de Canela Cafuné, co espectáculo 'Nin fadas nin princesas', seguido dunha moi especial xincana literaria con artistas creadores como Ledicia Costas, Fran Alonso, Tamara Andrés, Anxo Fariña e María Reimóndez
© Alejandro Vila / Mónica Patxot
Relacionadas:
-
O I Premio de Narrativa Xuvenil María Victoria Moreno vai a mans de Antonio Manuel Fraga
Por Redacción |
-
As librerías pontevedresas sopesan crear unha agrupación independente da Federación Galega
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Máis de 12.000 persoas pasaron polo Salón do Libro nos seus primeiros 10 días
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A cultura mexicana xa enche o Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Sara López Lago & Mónica Patxot |