Mamá Cabra chega a Sanxenxo co seu espectáculo músico teatral "Eu cociño, ti cociñas?"
Por Redacción
O grupo galego Mamá Cabra, protagonizará este sábado, ás 18.00 horas unha das sesións programadas polo Concello de Sanxenxo para o público infantil e familiar. O prezo da entrada é de 4 euros e poderán comprarse unha hora antes do inicio do espectáculo.
A formación chega ao municipio coa súa nova produción, na que regresa ao formato músico-teatral co que se estreou nos escenarios fai quince anos para animar coa súa música a grandes e pequenos.
"Eu cociño, ti cociñas?" é a nova montaxe de Mamá Cabra, un divertidísimo espectáculo músico-teatral que parte dunha proposta metodolóxica innovadora onde a cociña e a alimentación saudable se converten no medio perfecto para traballar diferentes aspectos curriculares e desenvolver as competencias básicas do alumnado.
"Eu cociño, ti cociñas?" É tamén un delicioso libro publicado por Galaxia (2017) cheo de receitas e de cancións para que os pequenos e as pequenas da casa nos deleiten cos mellores sabores.
O proxecto é unha iniciativa do CEIP de Sigüeiro (Oroso, A Coruña) onde as mestras María Salgado e Pilar Rivas levan a cabo un interesante proxecto escolar cos nenos de 2º ciclo de Educación Infantil.
"Eu cociño, ti cociñas?" conta cun blog onde recollen a diario todas as súas experiencias. Gloria Mosquera e Tomi López levan anos colaborando con este proxecto, aportando as cancións que acompañan o día a día destes nenos, mestras e familias, e estas son as cancións que compoñen o traballo editado e que formarán parte dun día moi especial. Desta iniciativa xurde o novo espectáculo músico teatral de Mamá Cabra.