Continúa o ciclo de teatro no Pazo Emilia Pardo Bazán
Por Oskar Viéitez
O ciclo de teatro organizado pola concellería de cultura no Pazo Emilia Pardo Bazán, continúa este sábado día 24, ás 21.00 horas coa obra "Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira". O prezo da entrada é de catro euros.
O día 7 de abril será a quenda de "Mamá Cabra. Eu cociño, ti cociñas?" e o sábado 21 de abril poderemos gozar de "Os trastes de Sindo".
Estas obras forman parte dun ciclo de teatro creado para o disfrute de todo o público en xeral, pero sobre todo para o goce en familia, pois ten como obxectivo a captación de "novos espectadores" e así ser capaz de chegar a pequenos e adultos.
Nesta programación teñen cabida compañías profesionais de teatro e tamén grupos amateur, grupos locais que buscan facer pasar un bo intre ao público asistente.
Destacar tamén que desde a concellería búscase que esta programación de teatro se faga un oco no calendario anual de eventos do municipio, sendo unha opción de lecer para veciños e visitantes.