Kalandraka, premio nacional ao mellor labor editorial e... soñando
Por Anxo Lourido
O Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural correspondente ao ano 2012 non fai máis que refrendar un traballo serio que Xosé Ballesteros leva desenvolvendo dende hai case quince anos. Todo comezou a través dun grupo de teatro. O seu nome era Kalandraka. Para ese grupo foron os primeiros relatos infantís baixo o nome de Os gordibolas. E aí. no mundo infantil, atoparon un universo por explorar. O nome do grupo teatral pasou a ser o nome do grupo editorial que agora recibe un premio polo "seu compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía".
Miguel Fernández Lores recibiu a varios membros da editorial co seu director, Xosé Ballesteros, ao fronte para transmitirlles os parabéns por este galardón. No 2006, o grupo editorial xa recibira o Premio Cidade de Pontevedra como recoñecemento a ese traballo constante e sempre en progreso.
Se no ano 1998 cando comezaron editaron quince títulos, agora publican corenta anuais. E fano en sete linguas diferentes, mesmo en chinés e coreano. E Ballesteros explica que as onomatopeas como o "quiquiriqui" dos galos non ten a mesma transcripción aquí que na China.
Agora, están traballando moito en América do Sur porque segundo apunta o director de Kalandraka "alí os gobernos están mercando gran cantidade de libros para as bibliotecas".
Afirman que van seguir apostando polos libros en papel porque consideran que aínda non hai demanda para e-books no mundo da literatura infantil. E na editorial coinciden coa opinión de moitos pedagogos que afirman que o libro para os nenos debe ser físico. Ademais, as coidadas edicións dos contos de Kalandraka carecerían de sentido no formato electrónico.
A empresa con sede en Monte Porreiro conta con vinte traballadores en nómina ademais de numerosos colaboradores.
E o seu próximo proxecto? "Seguir soñando con novas formas de difundir os libros", afirma Xosé Ballesteros cun sorriso que agocha un grande reto: crear unha Fundación con múltiples actividades para o público infantil.