O Palco da Música encherase de vida cultural durante os meses de maio e xuño
O Concello de Pontevedra quere volver darlle vida ao Palco da Música da Alameda. Para aproveitar o fervor cultural da cidade púxose en marcha a iniciativa 'Sube ao Palco', que seguindo a liña de 'Sétima Feira' ,busca dar difusión á produción artística de Pontevedra.
Durante os meses de maio e xuño terán lugar diferentes representacións desde música ata teatro, pasando por danza, poesía ou moda. Todas as disciplinas teñen cabida en 'Sube ao Palco'.
Esta iniciativa está enfocada cara á xente nova, en concreto quen desexe participar deberá ter entre 12 e 35 anos, ademais de estar empadroado ou ser estudante na cidade. Para inscribirse será necesario encher un formulario na páxina do Concello de Pontevedra, o prazo límite para a presentación de propostas será o 13 de abril.
De entre todas as propostas escolleranse oito, seleccionadas por un xurado especializado en cada unha das disciplinas presentadas. Os gañadores poderan mostrar o seu talento un xoves dos meses de maio e xuño cada un, salvo o Día das Letras Galegas.
Ademais realizarase unha gravación audiovisual de cada unha das mostras, que estará dispoñible para que os participantes mostren o seu traballo. Estes vídeos utilizaranse como promoción por parte do Concello para demostrar a potencia cultural de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Rosemary revive o palco da Alameda coa súa música
Por Sara López Lago |
-
Música, teatro, pintura e cine con acento pontevedrés para "subir ao palco"
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- "Pódeselle dar outra vida ao palco da Alameda aproveitando o fervedoiro cultural de Pontevedra"
Por Marisa Ciordia |
-
"Cousas estrañas" no mercado de abastos para o regreso da Sétima Feira
Por Redacción & Beatriz Ciscar |