Medio cento de actuacións integran o novo Plan Cultural de Ponte Caldelas
Por Redacción
Dinamizar a vida cultural do municipio. É o obxectivo co que o goberno municipal de Ponte Caldelas pon en marcha a undécima edición do seu plan cultural, que estará composto de medio cento de actuacións dos sete grupos participantes.
Este plan permitirá financiará actuacións musicais propias e reforzará a programación das festas parroquiais e todo tipo de actividades que organicen as comisións ou asociacións veciñais ou culturais do municipio.
Os grupos incluídos no plan cultural deste ano son Airiños de Ponte Caldelas (grupo de gaitas), Coral Valdarrosa (canto coral), Nós tamén imos (grupo de gaitas), Airiños da Fracha (charanga tradicional), Os Coribantes (banda de gaitas), Aires del Norte y Olé (flamenco e copla) e Os Contentos (grupo de gaitas).
O plan inclúe tamén actividades de teatro musical infantil, ilusionistas e mesmo unha solista para misas e actos relixiosos.
Cada un dos 33 núcleos de poboación de Ponte Caldelas contarán, cando menos, cunha actuación anual, aínda que hai varios que dispoñen de dúas froito do seu maior dinamismo.
O alcalde, Andrés Díaz, recalca que o plan cultural naceu coa idea de apostar polos grupos locais de Ponte Caldelas, posibilitando a súa consolidación. É unha aposta pola música, fundamentalmente tradicional en todas as súas variantes e tamén un xeito de axudar os veciños na organización de actividades festivas.