Pontevedra conmemora o 50 aniversario do Maio do 68
Por Redacción
Esta primavera celébranse os 50 anos dos acontecementos do 68. Numerosas publicacións, congresos e actos de conmemoración adscríbense a esta celebración, á que tamén se suma o Centro Asociado á UNED de Pontevedra coa organización do seminario monográfico impartido polo filósofo político e escritor Manuel Artime Omil.
"Medio século pode parecer perspectiva histórica suficiente para valorar o acontecido. Con todo, moitas voces advirten de que aínda estamos baixo a influencia daqueles acontecementos, que se abriu unha etapa histórica que aínda non se pechou. Do 68 partirán unha serie de reivindicacións – feminista, ecoloxista, terceiromundista, contracultural, minorías sexuais-, que viñeron marcando a nosa axenda política, así como as reaccións en contra", apunta Artime.
Reconstruír o nacemento dos novos movementos sociais e reflexionar sobre as diferentes crises políticas e culturais vividas nos últimos tempos, estreitamente relacionadas co conflito entre xeracións, son só algunha das cuestións que se abordarán neste seminario que terá lugar todos os venres de 19 a 21 horas no centro asociado e que será emitido a través da internet.