Exposición "Ponte do Burgo. Berce, camiño, luz", historia e futuro da ponte máis senlleira da cidade
Por Redacción
Xa se pode visitar a exposición "Ponte do Burgo. Berce, camiño, luz", que se exhibirá durante o mes de marzo no claustro superior do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.
É unha produción municipal de carácter divulgativo que persegue achegar a historia e o futuro da ponte como o elemento patrimonial máis importante da cidade.
A iniciativa enmárcase nas accións de cara á futura restauración da ponte, programada para este mesmo ano.
A exposición percorre a historia da ponte baixo unha óptica diacrónica, desde as especulacións en torno á ponte romana ate a construción da primeira versión da actual, que tivo lugar no século XII, non se sabe moi ben se sobre a "vella ponte" que deu nome á cidade ou preto dela.
Un dos elementos máis significativos da mostra é a ilustración que Pier María Baldi realizou en 1669 que se conserva na biblioteca Laurenciana de Florencia, xa que é sen dúbida a máis detallada e fermosa ilustración que nos chegou da etapa pre-fotográfica.
Como homenaxe a esa ilustración da que a ponte é a protagonista absoluta, realizouse unha actualización, a través do seu coloreado e limpeza, para adaptar o aspecto orixinal (que tamén se mostra) á retina contemporánea. Ofrécese na exposición nun panel triplo de 6 metros de ancho en total. A dotación de cor foi realizada por Emi Ramírez.
Ademais dun percorrido histórico pola cidade e a súa ponte, exhíbense os planos máis significativos do proxecto de reforma, a cargo dos arquitectos Javier A. Franco e Vicente Pintos e o equipo de enxeñeiros Quicler y López.
Como recursos pedagóxicos utilizáronse cinco infografías de Xan Sabarís, montaxes de realidade virtual da empresa pontevedresa Imasv e tres ilustracións do pintor David Campos. Tamén se produciu un documental de 20 minutos e unha web.
As contribucións históricas estiveron a cargo do arquiveiro municipal, Enrique Sotelo, a historiadora Marga Veiga, o director do Museo, Carlos Valle, os arqueólogos Xoán Carlos Castro e Antonio de la Peña e a filóloga Conchi Cochón. A coordinación, deseño e redacción estivo a cargo do Gabinete de Comunicación municipal.
A montaxe da mostra consta de 15 paneis, así como algunhas vitrinas que inclúen elementos orixinais atopados nas escavacións arqueolóxicas. O documental exhíbese nunha pantalla de 2 metros de ancho ubicada no vestíbulo da escalinata histórica do edificio Sarmiento.