Máis de 100 bandas emerxentes 'pelexarán' por lograr o favor do público e participar no SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño
Máis de 100 bandas participan no I Concurso SonRías Baixas (#SRB2013), creado polo festival do Morrazo co obxectivo de ofrecerlles ás bandas emerxentes a posibilidade de formar parte do cartel oficial do evento, que celebrará a súa XII edición os días 2 e 3 de agosto en Bueu e que o ano pasado conquistou a máis de 15.000 persoas coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado.
Nesta ocasión, está confirmada a presenza de dúas bandas europeas de primeiro nivel: a mítica banda punk británica The Toy Dolls e os italianos Talco, cultivadores dun ska revolucionario e festivo. A organización anuncia novas confirmacións para os próximos días e recorda que as entradas están xa á venda na web do Festival cun prezo reducido de 19 euros o abono de dous días, coa acampada incluída.
A resposta das bandas emerxentes á convocatoria do I Concurso SonRías Baixas foi arrolladora: en pouco máis dunha semana, a organización recibiu 102 propostas, 33 delas de fóra de Galicia. Entre as galegas, a provincia máis rockeira parece ser a de Pontevedra, da que proceden 45 dos grupos que se presentaron ao certame. Por estilos, arrasa o rock, con máis de 75 bandas. Sígueno, na distancia, a música mestiza, con 15 bandas; o ska-reggae, con 9; e o urban, con 3 propostas.
A organización salienta a diversidade e a extraordinaria calidade das propostas recibidas. Toda a diversidade do universo musical alternativo ten cabida no I Concurso SonRías Baixas, dende as bandas que recoñecen non ter subido nunca a un escenario e agradecen, simplemente, "a oportunidade que ofrece o Festival de darse a coñecer ante o público e, sobre todo, ante os programadores que forman parte do xurado" ata bandas máis consolidadas. De aí o enorme nivel e a excelente proxección de futuro das bandas participantes.
UN XURADO DE LUXO
Entre as 102 bandas admitidas a concurso, o público elixirá agora, antes do 19 de maio, a través da páxina de Facebook do Festival cinco finalistas para o Premio SonRías Baixas, aos que se lles sumarán outros cinco artistas seleccionados polo xurado do Festival, que está composto por persoas de referencia no sector musical. De entre esas dez bandas finalistas o xurado escollerá a banda gañadora, que recibirá un premio de 1.000 euros e tocará no escenario principal do Festival SonRías Baixas.
A Radio Galega, pola súa banda, seleccionará entre os admitidos a concurso as formacións que teñan cancións en galego e publicadas baixo licenza Creative Commons. As bandas que cumpran estes dous requisitos optarán ao Premio Son Radio Galega, cuxos finalistas serán escollidos polo público da Radio Galega, a través de chamadas en directo e de Internet. De entre eses cinco finalistas, elixirá un que recibirá 500 euros, gravará unha maqueta nos estudios da Radio Galega e actuará nun programa da Televisión de Galicia.
Para consultar a listaxe dos grupos candidatos a participar no SonRías Baixas 2013, podes visitar a páxina web do festival.
Relacionadas:
-
Tres bandas pontevedresas, Qué Desilusión!, La4Pared e Malkeda, as máis votadas para sumarse ao SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
O punk dos británicos The Toy Dolls e o ska dos italianos Talco, primeiras confirmacións do SonRías Baixas 2013
Por Alejandro Espiño |
-
O SonRías Baixas e Rei Zentolo unen as súas forzas na XII edición do festival
Por Redacción |
-
O Festival SonRías Baixas medra para mellorar
Por Oskar Viéitez |