Nove pezas escolares participarán no festival "O Museo de Pontevedra en Curtametraxes"
Por Redacción
Alumnos de centros educativos de Nigrán, Pazos de Borbén, Vilaboa, Pontevedra, Vigo, Moaña e Marín son os autores das nove pezas audiovisuais que participarán no festival "O Museo de Pontevedra en curtametraxes".
Este dato coñeceuse no transcurso da reunión de constitución do xurado do festival que quedou conformado pola produtora Beli Martínez, pola realizadora Anxos Fazáns, pola responsable do gabinete didáctico do Museo, Paula Tilve, polo coordinador de contidos divulgativos do Museo, José Manuel Castaño, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
Este festival nacera co obxecto de que o alumnado da provincia participase na posta en valor do patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, no Edificio Sarmiento e nas Ruínas de San Domingos, buscando a súa visión particular.
O programa arrancaba o pasado mes de outubro e contemplaba unha serie de visitas guiadas e didácticas, así como obradoiros para fornecer aos participantes dos coñecementos precisos para a realización final da curta.
Recibíronse curtas de todas as categorías procedentes do CEIP Mallón de Nigrán, do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén, do CEIP plurilingüe Riomaior de Vilaboa, do colexio Salvador Moreno de Pontevedra, do CPR plurilingüe Labor de Vigo -que participa con dúas curtas-, do IES As Barxas de Moaña e do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, ademais de Nee Barros Fernández, de Marín, que se presentou de maneira individual.
Todas as curtametraxes admitidas poderán visualizarse a través da web do Museo, así como no Facebook e na canle de Youtube da institución a partires de mañá, e o vindeiro o 2 de marzo terá lugar a entrega de premios aos traballos gañadores nun acto público.
Os premios establécense do seguinte xeito: infantil con 800 euros no primeiro premio e 500 euros no segundo premio; benxamín con 1.000 euros no primeiro premio e 700 no segundo; alevín con 1.500 no primeiro premio e 1.000 euros no segundo premio; e cadete con 2.000 euros e 1.500 euros para cada un dos premios.