O marxista presidente da RAG, Alonso Montero, aposta por despolitizar a lingua
Por Anxo Lourido
Non leva nin 48 horas como presidente da Real Academia Galega da Lingua (RAG) e o azar fixo que Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) se achegara a Pontevedra para ofrecer unha conferencia ante os alumnos da Facultade de Ciencias da Educación.
Ao preguntarlle por este primeiro acto oficial, admite cun sorriso: "Si, este é un acto da academia e un acto do presidente nunha tarefa que non é moi técnica da Academia pero que ten que ver co que compete a Academia: o idioma. Este acto estaba comprometido dende hai moito tempo".
Alonso Montero explica aos estudantes as causas que o levaron a escribir Informe dramático- sobre a lingua galega, publicado hai corenta anos. Ironiza sobre a presenza de xornalistas e de alumnos que, practicamente, enchen no salón de graos da facultade: "Son estudantes de materias que teñen que ver coa filoloxía, coa educación e coa comunicación. Hoxe asisten a outra clase que está moi ben porque ten o valor engadido de que vin hai dez anos e había moita menos xente. Vivimos na sociedade na que vivimos. Se era erudito e sabio xa o era daquela, hoxe como son presidente teño máis medios de comunicación e máis alumnos pendentes de min" e engade "hai que aproveitalo".
O sucesor de Méndez Ferrín conta que na periferia de Vigo onde vive, os veciños xa o tratan doutro xeito e mesmo lle preguntan: "Xa vin que vai ser presidente. Canto vai gañar?". Conta que na súa cafetería habitual, esta mañá xa querían agasallalo cunha mazá. "ÿ o que ten o poder", afirma, "empezas así e acaban chamándote Bárcenas, Urdangarín, Sepúlveda..."
Os universitarios das últimas filas escoitan a conferencia co teléfono móbil nas mans e, de cando en vez, envian 'whatsapps'. Mentres, o catedrático explica que durante a charla igual xa desapareceron varias linguas no planeta. "Fálanse sete mil linguas pero igual, neste tempo, xa desapareceron tres porque os únicos que as falaban na Amazonia morreron durante estes minutos".
Xa que logo, a pregunta é obrigada. "A saúde do galego? A lingua segue perdendo falantes pero tamén é certo que hai outras parcelas en que se están gañando instancias que na época en que escribín ese libro era impensables. Hai alumnos que non falan galego no recreo nin na casa pero saben galego, escriben galego. O día en que vivan nunha sociedade un pouco mellor organizada en favor da causa da lingua galega, eles saberán incorporarse a esa sociedade que vai utilizar máis ou menos maioritariamente o galego. Pero a problemática está aí. A lingua do recreo e na que se liga non é o galego". Por iso, Alonso Montero reclama máis presenza nos medios de comunicación do galego para chegar á sociedade e pon un exemplo doado de entender: "Tele 5 educa máis a partir das tres da tarde que todas as facultades que hai en España. Belén Esteban é moito máis educadora que calquera mestre. O que sucede extramuros é máis importante que o que sucede na escola".
Na súa etapa que inicia de catro anos á fronte da RAG gustarialle incrementar a presenza de mulleres académicas e publicar, en breve, na rede a gramática da lingua galega. Recoñece que el non é partidario da actual normativa (do ano 2003) pero considera que non sería acertado volver cambiala agora.
Xesús Alonso Montero defínese, con orgullo, como marxista pero aposta por despolitizar a lingua: "Non é un problema do Bloque nin do Psoe nin do PP, é da sociedade galega. Hai sectores importantes que teñen pouco compromiso coa causa da lingua galega. Que facer? Dende as instancias que teñen poder e recursos económicos habería que asumir unha política persuasiva que lle faga entender a eses segmentos da sociedade galega que son reticentes co galego que non está rifado coa modernidade nin coa prosperidade. O galego está vencellado a cousas que teñen que ver co mundo da entrañabilidade, dos afectos e de perpetuar unha tradición e mellorala. Habería que facer esa pedagoxía dende as instancias públicas".
E cun agarimoso "agardo moito éxito a PontevedraViva", o novo presidente da RAG despídese para continuar saudando a todos os que se lle achegan para felicitalo como o novo guieiro da lingua.