O Museo acolle A beleza oculta, primeira exposición comisariada por nenos
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo acollerá, a partir deste venres 16 de febreiro, a exposición A beleza oculta, a primeira mostra comisariada por nenos. Son, en concreto, trece nenos de entre 8 e 12 anos.
Trátase dunha iniciativa, coordinada polo colectivo Taller Aberto e polo gabinete didáctico do Museo, que pretende achegar a arte ao público máis novo dun xeito activo e consciente.
O obxectivo deste traballo é que os nenos coñeceran, analizaran e crearan unha exposición propia a partires da colección permanente do Sexto Edificio. Desde o pasado mes de outubro e en sesións semanais, participaron no primeiro programa educativo destas características que acolle o Museo de Pontevedra.
A exposición que, tal e como estaba previsto, foi incluída no programa de exposicións temporais do ano 2018 do Museo, será inaugurada o vindeiro venres ás 18 horas e permanecerá aberta ata o 18 de marzo.
Baixo o título A beleza oculta amosaranse 18 pezas escollidas polos 13 comisarios e comisarias, procedentes dos fondos permanentes do Museo.
A montaxe, que se está realizando neste momento polo persoal técnico do Museo, articúlase en tres seccións: espazo, tempo e corpo, co referente da beleza oculta.
Trátase de pezas de moi diversa procedencia en canto a estilos e épocas e reflicte o proceso de análise e reflexión que os rapaces e rapazas foron culminando desde o inicial "isto gústame, isto non me gusta" ata chegar a unha proposta expositiva ben fundamentada.
Con esta mostra, a cabalo entre o didáctico e o ambiental, tanto comisarios e comisarias como as coordinadoras buscan o mesmo que nas demais propostas do Museo: que o público visitante se emocione, se faga preguntas e formule as súas propias respostas.
O equipo de comisarios e comisarias está formado por Antía González Arias, Clara Prado Barros, Emilio Basanta Vázquez, Guillermo Lariño Salaberri, Inés Fariña González, Iria Flavia Mesa Zaldívar, Manuela Alfaro Manovel, Manuela Sendín Caneda, Nicolás Rozas Martínez, Nuria García González, Pablo Paz Dias, Pelayo Mesa Zaldívar e Quique Muiños Couto.
Relacionadas:
-
'A beleza oculta' pode atoparse no Sexto Edificio do Museo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Ver e tocar a Alhambra ou o Taj Mahal sen saír do Museo de Pontevedra
Por Redacción & Gabriela Varela Asorey |
-
Alejandro de la Sota, Valle Inclán e Sileno, principais protagonistas das exposicións do Museo neste 2018
-
O Museo reestrutura as Salas Castelao para expoñer os orixinais do Álbum Nós
Por Redacción |