Ver e tocar a Alhambra ou o Taj Mahal sen saír do Museo de Pontevedra
A nova programación de exposicións temporais do Museo de Pontevedra comenzou este xoves coa mostra 'Ver e tocar', que reúne 32 pezas do Museo Tiflolóxico da ONCE e forma parte da conmemoración do 75 aniversario do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE de Pontevedra.
A exposición inaugurouse este xoves no Museo de Pontevedra como unha aposta da Deputación Provincial por continuar coas accións inclusivas en materia de acceso á arte e coa visibilización de artistas con dificultades visuais. Poderá visitarse no Sexto Edificio ata o 11 de marzo.
O público poderá ver 32 obras de arte, moitas delas realizadas por persoas con dificultades visuais, e material tiflolóxico que usan as persoas cegas, fundamentalmente no ámbito da educación.
Entre as oportunidades máis rechamantes figura que as persoas que se acheguen ao Sexto Edificio poderán ver e tocar as maquetas dos palacios árabes da Alhambra e o Patio de los Leones (Granada), e a do Taj Mahal (India), para coñecer que sente unha persoa cega cando percibe a arte a través unicamente das mans.
Tamén se expoñen obras realizadas por persoas cegas ou con discapacidade visual grave, como a 'Serie Cielo y Tierra Eterno Poema nº 28', do pintor cego Ataúlfo Casado; 'Luz del Clamor', fotografía de Carme Ollé; 'Tripeando', do tamén fotógrafo con discapacidade visual Juan Torre; 'Bodegón', pintura de María Covadonga Martín Alonso, ou 'Dehesa Soriana', do pintor José Miguel Gonzálezo.
A mostra inclúe tamén escultura, con 'Homenaje a la ONCE', do escultor sordocego José María Prieto Lago; 'Soñando', de Andrés Clariana; 'Hombre con perro' e 'Los novios', obras de Miguel Detrell; e 'Salomé', de Cesar Delgado. A proposta complétase con obras como 'La Castañera', pintura de Rafael Arias; 'Gran Vía', fotografía de Marcelo Bilevich; 'Concierto I', do pintor Fernando Torres; 'Dalí y yo', unha pintura de Eduardo Matute 'DUDU' e 'Rossy de Palma', un retrato que amosa a forma en que a pintora Kelly Arrontes ve á actriz.
O director do CRE da ONCE, José Ángel Abraldes; o director do Museo, Carlos Valle; e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentaron a exposición e lembraron a tradición histórica do Museo en canto a colaboración con persoas usuarias da ONCE de Pontevedra.
Xosé Leal salientou a "obriga das administracións públicas" de apoiar proxectos coma este, que dan oportunidades a creadores con diversidade ao tempo que permiten que o público xeral se poida poñer na pel tanto do creador como das persoas con cegueira e coas súas particularidades para acceder á arte.
José Ángel Abraldes, lembrou os tres obxectivos da exposición: mostrar a colección do Museo Tiflolóxico ás persoas con discapacidade visual da contorna de Pontevedra; amosar á sociedade como se percibe a arte a través do tacto; e canalizar e dar visibilidade á obra de artistas con cegueira ou dificultades visuais. Abraldes asegurou que el persoalmente tiña moitísima ilusión por traer estas pezas ao Museo de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Museo acolle A beleza oculta, primeira exposición comisariada por nenos
Por Redacción |
-
Alejandro de la Sota, Valle Inclán e Sileno, principais protagonistas das exposicións do Museo neste 2018
-
Coñecidas personalidades pontevedresas aprenden a non comer cos ollos
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O centro da ONCE en Pontevedra celebra 75 anos sendo referente de formación de estudantes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |