Alejandro de la Sota, Valle Inclán e Sileno, principais protagonistas das exposicións do Museo neste 2018
O Museo de Pontevedra presentaba este martes a programación de exposicións e mostras planificadas para este 2018. O director do Museo, Carlos Valle, incidiu na variedade da oferta cultural e artística, que abarca desde obras monográficas ata exposicións que conmemoran a vida e obra de figuras como Valle Inclán ou José Solla.
No ámbito educativo, o Museo ten programadas dúas exhibicións para este ano. A primeira, resultante do proxecto posto en marcha o verán pasado, 'Somos do sexto', no que estudantes en idades temperás poden actuar como comisarios, propoñendo eles mesmos revisións das coleccións.
A segunda, que comezará este xoves 8, é unha colección do Museo Tiflolóxico da ONCE, unha mostra que debe ser entendida en relación "á conmemoración do 75 aniversario do afincamento en Pontevedra da organización", sinalou Carlos Valle.
En canto ás macro exposicións, que habitualmente adoitan utilizar a totalidade dos espazos do Museo, o obxectivo principal será enxalzar as figuras de dous importantes artistas do panorama galego: Alejandro de la Sota e José Solla.
O primeiro, natural de Pontevedra, foi seleccionado pola Real Academia Galega de Belas Artes para conmemorar a súa figura o Día das Artes Galegas, que se celebra o 1 de abril. A exposición, que durará desde finais de marzo ata maio, será comisariada polo escritor e xornalista Rafael López Torre. En canto á obra de José Solla, un dos artistas galegos vivos máis importante do ámbito artístico galego, constituirá "a exposición central máis importante do verán", segundo comentou o director do Museo.
Pero non son os únicos artistas que serán homenaxeados durante este ano no Museo de Pontevedra. En canto ás mostras monográficas, atopamos unha interesante exposición da obra de Maside, incidindo especialmente nun momento clave da súa traxectoria persoal e artística: a súa relación co lugar de Combarro durante o ano 1952. Tamén se honrará a figura do investigador Francisco José de Caldas, que, aínda que non naceu en Galicia, si o fixo o seu pai, natural de Caldas, concello que colaborará conxuntamente co Museo de Pontevedra para poñer en marcha esta exposición, que tamén contará coa axuda do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
O Museo ofrecerá ademais unha nova edición do Certame de Novos Valores, no que se expón a obra das catro persoas agraciadas coa bolsa de creación artística da Facultade de Belas Artes.
Para finalizar o ano, haberá unha mostra dunha das figuras máis ilustres da nosa cidade, Ramón María Vale Inclán, titulada 'Valle Inclán Íntimo: Coleccionismo e Indumentaria', unha colección feita a partir das doazóns da familia Valle Inclán. Por último, a principios do mes de decembro o público poderá gozar dunha exposición consagrada á figura de Pedro Antonio Villahermosa, 'Sileno', un dos grandes ilustradores españois do século pasado. Esta exibición, que será impulsada en colaboración co Museo ABC, contará con obras pertencentes á etapa de maior esplendor do debuxante.
O deputado de Cultura e Lingua, José Leal Fariña, aproveitou a ocasión para destacar o labor do Museo no seu 90 aniversario e a súa importancia histórica como " berce para moitos artistas galegos".
PROGRAMA PREVISTO
- 1. 'Ver e tocar: exposición itinerante do Museo Tiflolóxico da ONCE' (8 de febreiro ata o 11 de marzo)
- 2. 'Somos do Sexto' (16 de febreiro ata o 11 de marzo)
- 3. Exposición sobre ilustración mexicana (5 de abril ao 27 de maio)
- 4. 'Alejandro de la Sota' (27 de marzo ata o 27 de maio)
- 5. 'Novos Valores. Bolsas 2017' (mes de xuño)
- 6. 'Máster de Arte Contemporánea' (5 de xuño ata o 8 de xullo)
- 7. 'Novos Valores. Obra seleccionada 2018' (2 de agosto ao 16 de setembro)
- 8. 'José Solla. Mostra retrospectiva' (27 de xullo ata o 23 de setembro)
- 9. 'Valle-Inclán íntimo: coleccionismo e indumentaria' (18 de outubro ata o 25 de novembro)
- 10. 'Francisco José de Caldas' (4 de outubro ata o 18 de novembro)
- 11. 'Sileno' (4 de decembro ata o 27 de xaneiro)
- 12. 'Carlos Maside en Combarro.1952' (13 de decembro ata o 27 de xaneiro)
Relacionadas:
-
O Museo amosará material inédito de Alejandro de la Sota nunha "gran exposición antolóxica"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O arquitecto Alejandro de la Sota será homenaxeado no Teatro Principal o 14 de abril
Por Oskar Viéitez |
-
'A beleza oculta' pode atoparse no Sexto Edificio do Museo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O Museo acolle A beleza oculta, primeira exposición comisariada por nenos
Por Redacción |
-
Ver e tocar a Alhambra ou o Taj Mahal sen saír do Museo de Pontevedra
Por Redacción & Gabriela Varela Asorey |