Miguel Martínez presenta o seu novo disco "Abre o teu corazón" no Casino Mercantil
Miguel Martínez presentará o seu novo disco 'Abre o teu corazón' no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra. A presentación, que terá lugar este venres ás 20.45 horas na primeira planta da sede social de Curros Enríquez, será de entrada libre e de balde para todo aquel que queira asistir.
A cita terá unha fin solidaria, xa que 'Abre o teu corazón' será a beneficio de UNICEF, para dar a coñecer a música do cantautor e axudar os nenos do terceiro mundo a través do diñeiro que se irá recadando coa venda do disco.
Na gravación deste disco participaron outros artistas como As Cantareiras de Ardebullo, Lucía Pérez, Sabela, José Costas, Marietta, Olaya de Hollos, Alberto Cunha, Mar Davila e Juancho 'O charro'.
Miguel Martínez iniciouse no mundo da música desde moi pequeno e de forma autodidacta, formando parte do grupo de gaitas 'Os Berberechiños' de Combarro. Ademais de ser o fundador de coros como 'Virxe da Renda' ou ' Vento Mareiro', é o compositor da música do himno oficial do Concello de Poio.
Tras gañar en cinco ocasións o Festival da Canción Misioneira de Pontevedra, fixo varias actuacións nos programas de televisón 'Luar', 'A Solaina' e “Vivan as tardes” (TVG). No ano 2005 alzouse como gañador do premio a Mellor Disco Pop de Solistas Galegos.