Voces de ambos os lados do Atlántico daranse cita no primeiro congreso de mediación lectora de Pontevedra

Por Natalia Puga
Os próximos días 19, 20 e 21 de abril, no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, o Pazo da Cultura acollerá a primeira edición do Congreso Internacional de Mediación Lectora, no que se darán cita na cidade do Lérez voces e estudiosos da materia de ambos os lados do Atlántico, con importante presenza de México, como primeiro país convidado do Salón e deste congreso.
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces; o decano da facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, Vicente Romo; e a docente e investigadora deste mesmo centro Eulalia Agrelo presentaron este mércores o congreso, que se integrará nas actividades formativas que promove o Salón do Libro baixo a estrutura do espazo 'Dar de ler'.
Fouces explicou que este espazo responde á filosofía de que "Pontevedra é boa vila, dá de ler a quen pasa" e, con este congreso e outras actividades formativas, pretende chegar ao ámbito académico e universitario.
O primeiro Congreso Internacional de Mediación Lectora 'Mulleres de Conto' pretende dar visibilidade e prestar atención á figura do mediador, pois é, segundo Fouces, "unha das características máis importantes que hai que coidar" para xerar lectores críticos que entendan o que len e fagan unha seleccióin adecuada dos seus lectores. Trátase dunha figura intermedia entre a industria literaria e o lector final.
Eulalia Agrelo explicou que todas as actividades organizadas por este congreso estiveron acordadas por un comité de expertos que inclúe a docentes das universidades portuguesas de Aveiro e Porto, de Brasil e de México, ademais de especialistas galegos. Entre todos deseñaron un programa variado que se está ultimando.
O congreso incluirá a participación de autores de renome de Galicia como Fina Casalderrey e Marilar Alexander e tanbién do exterior, entre eles, prestixiosos investigadores portugueses ou persoas do ámbito das librerías, da creación ou de crítica literaria. Realizaranse mesas de encontro, reflexión e debate; talleres de poesía, narración, literatura oral ou teatro; e rutas literarias por Pontevedra.
A participación está aberta a todo o público, pero especialmente destinada a un ámbito profesional. Están considerados mediadores os pais e nais, docentes e bibliotecarios, pero o congreso está máis enfocado aos docentes -en exercicio e en formación- e a estudiosos e investigadores, pois as nais e pais teñen outros espazos no Salón do Libro.