Xornadas para amosar que Rosalía de Castro era moito máis que unha "santiña choromicas"
Por Anxo Lourido
Francisco Rodríguez, Luís Bará e Pilar García Negro son os tres relatores das xornadas sobre Rosalía de Castro que se van desenvolver no Casino Mercantil de Pontevedra baixo o título Rosalía e nós.
Na presentación deste acto, o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, indicou que "malia os intentos de marxinalizala, os cidadáns galegos coñecen as poesías de Rosalía de Castro". Ademais, estas sesións van centrarse en demostrar que "non era a santiña choromicas que nos intentan vender sempre. Era unha muller do noso tempo".
O presidente do Casino Mercantil, Roberto Vega, asistiu á acompañado por outro directivo da entidade, o comerciante Ernesto Filgueira, que indicou que " o primeiro disco galego que tiven foi ou de Amancio Prada dedicado a Rosalía".
A entidade pontevedresa acollerá tamén durante os días de celebración das xornadas a exposición itinerante sobre a figura da poetisa santiaguesa.
As charlas iniciaranse o luns 22 de abril con Francisco Rodríguez, o 6 de maio será Luís Bará quen fale sobre a autora e o ciclo pecharase coa intervención de Pilar García Negro o luns 13 de maio. Todas as conferencias comezarán ás 20:30 h. no Casino Mercantil.